Seique, de Susana Sánchez Aríns

capa seiqueXerardo AgraFoxo. Esta singular obra comeza cunha efemérides (“a guerra aparecia-se remota, mas estaba aí”), segue coa presentación de dúas mulleres: a avó glória (“sempre a falar de quando a casa grande de portarís”), a tia ubaldina (“era boazinha como manta de lá”). E continúa cunha inesperada descuberta (“quando morreu o tio manuel, lendo o seu necrológico no farodevigo, demos en descubrir… que fora alcalde de riba-úmia no ano 40, quatro despois do ano triunfal”). Despois coñecemos a historia do avô ramiro (que sofreu cárcere por ladrao) e outras historias dunha familia das terras do Salnés “onde era obrigado votar na direita”.

Con estes alicerces, Susana Sáchez Aríns (1974) constrúe unha peza onde se mesturan diferentes recursos literarios: a poesía co ensaio, a “estoria” coas reflexións persoais, coplas con refráns, relatos curtos con sentenzas e as noticias dos xornais coas pescudas da autora. E todo coa finalidade de acender unha candea sobre uns acontecementos que nos arrepían porque o pano de fondo destas páxinas –medidas, sinceras e abraiantes– é o propio berce da escritora. seique2E aproveita “estas maldades familiares” para ofrecer un retrato “terrivel” dunha época marcada pola represión franquista.

Deste xeito, Seique (2015) é unha aposta pola memoria como forma de darlles dignidade ás vítimas descoñecidas daquel trauma que seguirá a pendurar sobre as nosas cabezas mentres non se rescate o último cadáver das cunetas. Seique é, neste senso, unha obra de lectura imprescindible e unha loita sen cuartel contra o esquecemento.

 

Un comentario en “Seique, de Susana Sánchez Aríns

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *