Wajma, de Barmak Akram

wajma1Xerardo AgraFoxo. A acción desta fermosa película transcorre en Kabul, onde vive Wajma (Wajma Bahar) no seo dunha familia humilde. Cando un día Wajma coñece a Mustafa, un atractivo camareiro, decide deixar atrás os vellos convencionalismos familiares e entrégase ao amor. Todo descorre con harmonía e lentitude para os dous mozos ata que queda embarazada. Entón apareceran reflectidas con verismo e crueza a conduta das persoas que a arrodean: a do noivo, un covarde que non asume o problema e mesmo a acusa de deitarse con outros; a dunha nai compresiva que trata de confortala nos seus momentos máis difíciles; e a dun pai, estrito e violento, que non sabe como reaccionar para superar a súa deshonra. Os camiños da vida de Wajma parecen minados baixo esta atmosfera opresiva e unha paisaxe invadida pola neve e o frío que dificulta a circulación e mesmo se converte nunha metáfora do labirinto no que se atopa a moza recluída coma unha delincuente nun almacén da súa casa.

wajma2Esta película do director Barmak Akram (Kabul, 1966) foi galardoada co Premio ao Mellor Guión no Festival de Sundance 2013, gañou o Premio á Mellor Película da Casa de Asia Filme Week 2014 e estivo na carreira dos Óscar ao Mellor Filme Estranxeiro. Sen dúbida, uns recoñecementos merecidos pola súa comprometida aposta. Tal como dixera o xurado da Casa Asia cando premiou este drama afgano,  Wajma é un “valente retrato da muller, a familia e a cuestión do aborto en Afganistán; e polo retrato dunha cultura tan afastada e demonizada para nós e que, non entanto, afronta os mesmos dilemas das nosas sociedades”.

Por certo, malia que Akram é un director valente, como na película hai un bico, concretamente no minuto 26, o primeiro no cine afgano, a actriz fíxolle prometer ao cineasta –ante o Corán– que nun posible proceso ante a xustiza, el declararía que fora un “falso bico”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *