Apuntamentos musicais

tras 1Gonzalo Trasbach. Conversando cos amigos máis informados en cuestións musicais, chegamos á conclusión de que a colleita do 2015 resultou pouco interesante, polo menos no referente ás voces masculinas. Pero, segundo eles e as miñas pescudas persoais, a anada das femininas ten sido das máis sobresaíntes dos últimos anos. Co obxectivo da ampliar o campo das novas e mesmo novísimas aspirantes a poboar a miña “Caligrafía sonora feminina”, o capítulo dedicado ao período que abarca dende o 2010 ao 2015, tamén no ámbito do fastoso edificio da música negra, aí onde xa teño instaladas as damas de ébano clásicas (Holiday, Aretha, Nina, Bessie…), así coma no apartado dedicado aos grupos formados só por mulleres ou os dúos, tríos e grupos mixtos, e mesmo de empezar xa co último capítulo, o reservado para as voces na paisaxe electrónica, as miñas indagacións confirman esa tese. En resumo, que conseguín facerme cunha boa colección de divas e antidivas formidables.

tras 2Conforman a lista mulleres caracterizadas por formas de expresión inquietas e arriscadas, de salvaxe personalidade e con visión de presente e futuro. Aínda que mozas, algunhas xa son veteranas da escena internacional, mesmo xa son unhas figuras consagradas no mundo do folk, do pop ou do rock. Neste feixe inclúo a Julia Holter (Have You In My Wilderness), Joanna Newson (Divers) e Grimes (Art Angels), que publicaron os seus respectivos cuartos albumes. Tamén situamos neste bloque o retorno ao bo camiño da máis que entronizada Björk (Vulnicura). Aínda que o máis soado dos regresos foi o que protagonizou o trío Sleater-Kinney, que, logo dunha década fóra dos focos, presentou o formidable No Cities To Love, o octavo larga duración das norteamericanas.

En canto ás máis meritorias das novatas ou debutantes, lembramos a Cold Specks, a canadense da que xa falei aquí hai tempo con motivo do seu segundo disco: Neuroplasticity, traballo que descubrín ao comezo da tempada. No último trimestre atopeime coas que cualifiquei como grandes revelacións do curso: Empress Of (Me). Loreley Rodríguez, a hondureña criada en Brooklyn, amosa no seu álbum de debut desenvoltura e moita cobiza. Helena Hauff (Discret Desires) situouse na escena europea do techno como gardiá das esencias cun artefacto imperfecto, pero demoledor. Holly Herdon (Platform) consolida no seu segundo disco o matrimonio entre autora e laptop. Nicole Dollangancer (Natural Born Losers) semella a irmá pequena e retorcida de Lana del Rey co seu pop envelenado. tras3Drinks (Hermits On Holiday), o proxecto do norteamericano Tim Presley e a galesa Cate Le Bon, resultou unha das macedonias máis zumentas da colleita. Angel Deradoorian (The Expanding Flower Planet), Eska (Eska), Laurel Halo (In Situ), Georgia (Georgia), Kelela (Hallucinogen), Eryka Badu (But You Caint My Phone), U.S. Girls (Half Free) ou Kathryn Williams (Hypoxia), coa sombra de Silvia Plath (1932-1963) ao fondo, son algunhas das outras mulleres que figuran na lista. Co ano novo tamén chegou Adore Life, o segundo álbum do enerxético cuarteto feminino londiniense Savages.

tras4En canto ao panorama galego, por se ten interese para alguén, no último mes do calendario vello soubemos da publicación de Agricultura Livre, o segundo traballo en solitario de Emilio José (Ourense), un disco triplo repleto de cancións que tocan todos os paus da baralla. Algúns falan dunha rareza outros do contrario. En calquera caso, estamos diante dunha peza única. E unha vez cruzado o ecuador de xaneiro, saíu á luz Salve Discordia, o cuarto álbum de Triángulo de Amor Bizarro, a banda que lideran os barbanceses Isabel Cea e Rodrigo Caamaño.

2 comentarios en “Apuntamentos musicais

  1. Grazas amigo Carlos. Non me soa, pero estou aberto a toda aportación. Como senón podo avanzar? Mirarei por ela e escoitareina. Xa che comentarei. Saúdos cordiales.

  2. Oiches falar de Ruthie Foster. Vina en Pontevedra en agosto pasado na semana de jazz. Nunca oira falar dela e quedei impresionado. A súa banda non está por debaixo dela:
    Scottie Miller (piano, órgano)
    Larry Fulcher(baixo)
    Samantha Banks(batería).
    Apuntei os seus nomes para non esquecerme deles. Impresionante

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *