Especies

O FIO. IMAXEUxía Casal. Foi ao instalármonos en Ribeira cando vin clara a posibilidade de ter un can; mellor dito, unha cadela. Derrotada a fobia que lles tiña, desexaba saber que era convivir con esa especie que tantos praceres lles reportaba a moitos. Como novata que quere facer ben as cousas, informeime a conciencia: lin libros sobre razas, etoloxía, costumes, hixiene e todo canto me pareceu necesario para iniciar esa aventura, aínda que tiñamos bastante claro que a nosa raza preferida era agolden retriever; dócil, cariñosa, doada de educar e moi leal e apegada.

E así, un bo día, fomos ata Ares para recoller a Dona, cachorra de dous meses acariñable e linda coma un sol. Deixamos a familia do criador chorando os sete chorares e marchamos de volta cunha gran sensación de responsabilidade.

Xa pasaron oito anos, nos que Dona incluso tivo crías dun bandido que se meteu na horta sen permiso. Das tres, Melas foi a que quedou connosco, a única da casa que naceu aquí, a máis ribeirense de todos.

Aprendín delas o que é amar sen condicións, relaxarse con confianza plena nos seus humanos, xogar coma se non houbese un mañá; a comprender a súa linguaxe case ao cen por cen, exercer de distribuidora de aloumiños cada vez que sento, respectar os seus ritmos vitais; descubrín que son individuos diferentes, coas súas manías particulares, que se celan unha da outra, que actúan nos paseos consonte o seu talante, que saben comportarse en calquera circunstancia… Facémonos felices.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *