O mestre Caeiro como existencia

alberto caeiroFidel Vidal. (Quem sabe quem os lerá?/Quem sabe a que mãos irão?). Velaquí esta paixón tan solitaria… a poesía. E não estou alegre nem triste. Esse é o destino dos versos, agrega Fernando Pessoa. Se a realidade total se fundamenta na falta pola que é posíbel acercármonos a ela, a realidade humana é esencialmente ir facéndose a través do baleiro necesario por onde crecer. Escribimos para sermos o que somos e para ser aquilo que non somos. María Zambrano afirma que a unidade xamais é completa, porque se referirá continuamente a “o outro”.

Confesa Pessoa: “Alberto Caeiro é o meu mestre”. Esta aseveración, advirte Octavio Paz, aséntase como a pedra de toque de toda a súa obra creativa. Sen esquecer ademais que resulta ser a única afirmación que Pessoa sostivo de forma positiva. En todos os heterónimos hai partículas de negación ou de irrealidade: Reis cre na forma, Campos na sensación, Pessoa nos símbolos, “Caeiro non cre en nada: existe”.

Segundo Mª José de Lancastre, non se pode ler a poesía de Pessoa e a invención heteronímica “fóra dunha época que estaba a producir o Cubismo, o Futurismo, o Simultaneismo, o Libéry, a Relatividade, Pirandello, a Psicanálise. E, sobre todo, non se pode ler Pessoa fóra dun clima cultural que, en Portugal, deu orixe ás grandes vangardas”. alberto-caeiro-pessoaO futurismo era valorado por riba das máquinas e ascendíao nunha elevación abstracta a prol dun entendemento da arte desde a óptica da fantasía e dos soños: a posibilidade do imposíbel como realidade da que é capaz se o poeta fai a proposta. Pessoa valora o futurismo como unha fotografía abstracta das cousas: “Toda arte, seja como for, é antifotografia e concreta”.

É na función de cada máscara (pessoa, prosopon, persona, persum, per se unha = máscara de actor, cabeza, cara, substancialidade), onde se atopa a revelación de que algo hai que agochar, cando nada habería que agochar. É a función do desexo que nos move, a necesidade de amar, de ser amado, ou polo menos de o saber, de saber que alguén te/me ama.

Unha vez amei, julguei que me amarían,

mas não fui amado.

Não fui amado pela única grande razão

porque não tinha que ser.

Alberto Caeiro

A profundidade do ser radica na súa parte escura ou no Outro. Un outro que segue a ser eu. “Saiba só isto: eu son vostede. Explíqueme mellor, dixo Pessoa. Son a parte máis profunda de vostede, dixo Caeiro, a súa parte escura. Por iso son o seu mestre.” O home é realmente cando dorme e soña (Nietszche). A inconsciencia é o fundamento da vida (Pessoa). Porque o soño igual que a obra posúen unha mesma estrutura e cumpren a mesma función.

O mestre Caeiro –Mestre, só seria como tu se tivesse sido tu– era, segundo Pessoa, o Outro de Sá-Carneiro.

E o que não sabes nem saberás nunca

é iso o mais real e o mais profundo.

…   …

Não sei quem me sonho…

…   …

Ah, poder ser tu, sendo eu…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *