Fidel Vidal. Para Antonio Tabucchi, que cataloga a poesía de Pessoa como surrealista, a loucura aflora e desaparece, circula latente ou ao descuberto ao longo de toda a súa obra. “Na vida circula baixo varias formas. Xorde inicialmente na infancia solitaria, cando a través do imaxinario personaxe de Chevalier de Pas, o pequeno Fernando escrébese cartas a si mesmo; está presente na traxedia familiar antes de partir para Durban, pois a familia vese na obriga de hospitalizar a avoa paterna, aflixida por graves perturbacións mentais, nun hospital psiquiátrico de Lisboa; volve a aparecer na adolescencia surafricana coa creación do heterónimo Alexandre Search, o cal, evadido da dimensión da literatura e entrando na vida, intercambia correspondencia con Pessoa.”
En vida do pai, Joaquim de Seabra Pessoa, home cultivado e afeccionado crítico musical, a nai deste, é dicir, a avoa de Fernando Pessoa Dª Dionísia Estrela naquel tempo “já dava indicios de alienaçao mental”. Ao que parece a anciá non gustaba das crianzas; contaba sesenta e catro anos cando naceu Pessoa, e de contado “se debruçou sobre o berço do poeta com os olhos trasloucados”, musitando palabras incomprensíbeis. Difícil esquecer o “clamor histérico daquela estranha velha que não desaparecerá tão cedo da sua existencia” (Gaspar Simões). De aí xorden os abrochos dos temores a esta tráxica herdanza, a da loucura, a latexaren decotío ao longo da súa vida.
A loucura, a posibilidade dun padecemento semellante, ademais da preocupación persoal que conleva, será un tema case constante, directa ou indirectamente, na obra de Pessoa. Unha das propostas da tolemia é a concepción do home como ser consciente de o ser, de ser iso que se di que se é como home, precisamente no intre en que, de súpeto, se atopa un consigo mesmo, e cos outros, tanto cos outros -de fóra de min- como dos outros que hai, ou houvo, ou pode haber, en min. Ista é a loucura, no máximo delirio, exhibindose como a sublimación da cordura.
A posibilidade de ser todo e nada ao mesmo tempo, de ser un deus e un demo, todos os deuses e todos os demos en tempos cotinuos ou discontinuos; a posibilidade de converterse nun cobizábel superhome, ou no punto de mira da vixilancia e persecución de potencias estranxeiras, ser, en fin, o que calquera é quen de soñar desde o gozo ou desde a angustia. Cal é entón a parte negativa desa aparente gozada do fóra da lei onde todo é permitido pola mesma patoloxía que o declara exento de culpabilidade? Posíbelmente o temor a “non ser” polo desgoberno da propia autonomía como un “eu” que perde a liberdade de ser responsable da súa propia conduta, é dicir, como condutor de si mesmo.
Os temores que conectan coa avoa Dionísia, fan estar a Pessoa en alerta constante. Así o escrebe en O Rosto e máscaras: “Uma das minhas complicaçoes mentais -mais horrível do que as palavras podem experimentar é o medo da loucura, o qual, em si, já é loucura”. “É um sofrimento horrível que, afirmo-o, me mantén constantemente nos límites da loucura”.