X. Ricardo Losada. Cando souben, impresionado, que hai un proxecto científico promovido por Stephen Hawking para mandar por primeira vez na historia unha flota de naves espaciais a unha estrela, viñéronme á cabeza tres recordos. De inmediato, Tales de Mileto, o primeiro filósofo, famoso por caer nun pozo do seu xardín cando paseaba mirando de noite as estrelas con afán estético e científico. Segundo, a tan recorrida frase de Carl Sagan: Somos po de estrelas, tamén científica e poética pois a ciencia do século XX confirmou o que sempre souberon poetas e filósofos: os átomos que forman os humanos proceden das estrelas e volverán a elas. Terceiro, un curioso xuízo que houbo en EEUU: consideraron culpable a un estudante por pegarlle de noite a un compañeiro un puñazo nun ollo. Como non había luz, aceptouse a declaración da vítima dicindo que no momento de recibir o golpe formáronse diante del pequenas luces (vin as estrelas, dicimos) e puido ver fugazmente a cara do agresor. Os científicos testificaron que era posible.
Non tiven ningunha dúbida da razón pola que recordei esas tres anécdotas. Levo uns anos preocupado cos avances tecnolóxicos do século XXI e, por un mecanismo psicolóxico ancestral moi personalizado en min, intento quitarlle ferro pensando que non somos tan listos como pensamos. Pero cústame, sobre todo cando leo cousas como as que dicía ese artigo de Javier Sampedro. O proxecto chámase Breakthrough Starshot e supón o lanzamento dunha flota de nanonaves, cada unha do tamaño da unlla dun polgar, cara a estrela Alfa Centauri, a máis visible da constelación de Centauro, co fin de tomar datos. Tardarán en chegar 20 anos viaxando a 200 millóns de quilómetros por hora empuxadas por un punteiro láser que usará como batería unha central nuclear enteira e, aínda así, terán que ir equipadas cun nanomotor de plutonio. Pero a razón real do proxecto, esa pola que vai ser financiado por un magnate ruso e o creador de Facebook, ten menos que ver coa curiosidade científica que co instinto de supervivencia. Importantes físicos actuais calculan que as posibilidades humanas de colonizar outros mundos antes de que destrúamos a Terra é só do 50%.
Palabras maiores. Pero tendo en conta que moita xente rexeita as viaxes espaciais porque son inútiles e moi caras, non será esa a razón de que os científicos invoquen cada vez máis o argumento de que temos que abandonar a Terra ou a especie humana desaparecerá? Pode. Pero non hai ningunha dúbida, é así. E tamén que desaparecerá o próximo lugar (planeta ou estrela) ao que vaiamos. E o seguinte, e o seguinte…. e o universo enteiro. Schopenhauer tiña un sentido tráxico da existencia porque dicía que a natureza prima a especie sobre o individuo. Quedou curto. A natureza non prima nin a propia natureza pois non é máis que un continuo construírse e destruírse a si mesma. Os nosos antepasados, aqueles homínidos que descubriron o sentimento relixioso, souberon desde o principio que a única forma de evitar ese ciclo de destrución e construción é que exista outro mundo, o mundo dos espíritos. O resto é correr, como aquel lobo que perseguía a Correcamiños movendo as patas a toda velocidade sobre o abismo, para acabar caendo. Hai quen dirá que son pesimista. Non é certo: se razoo así, é porque eu xa viaxei ás estrelas. Lendo poemas, facendo o amor ou balanceándome nas ondas unha noite estrelada de calma chicha na ría de Arousa. E, coma min, pode facelo calquera. E se non pode por ter unha mentalidade máis científica que poética, que non se preocupe. Estimulando certas zonas cerebrais de proxección visual, os científicos son quen de conseguir que calquera ser humano viaxe ás estrelas sen necesidade de que lle dean un puñazo no ollo.
Rianxeiro ruborizado.
Grazas
La fan número 1 de Losada se congratula de poder leer artículos tan sugestivos como estos tres ” TRAIDOR ” MEU FILLO SERÁ XENERAL ” Y ” VIAXAR Á VELOCIDADE DO PUÑO ” Fantásticos.
Biquiños palmeirans.