Ophelia, o Bébécinho

ophe1Fidel Vidal. A paixón amorosa de Pessoa por Ophelia non comeza ben e acaba educadamente. “Quem ama verdadeiramente não escrebe cartas que parecem requerimentos de advogado”, di nunha das primeiras, e nunha das últimas: “Quanto a min… O amor passou. Mas conservo-lhe uma affeição inalteravel, e não esquecerei –nunca, creia- nem a sua figurinha engraçada e os seus modos de pequenina, nem a sua ternura (…) Pode ser que me engane, e que estas qualidades, que lhe atribúo, fossem uma illusão minha.” (Pessoa, Cartas de amor). “Nunca amamos alguem. Amamos –certifica Bernardo Soares no Livro do desassossego-, tam sòmente a idéia que fazemos de alguem. É a um conceito nosso –em suma é a nos mesmos- que amamos.” En certa ocasión Ophelia recibiu unha foto do seu namorado bebendo un vaso de viño nunha taberna. Na parte posterior, sen perder o sentido do humor, o autor escribiu: “Fernando Pessoa em flagrante delitro”.

No poema do Cancioneiro “A Outra”, aparece en Pessoa unha actitude propia de quen pretende, dunha “forma mental”, alcanzar o absoluto: “da mulher/estímulo exterior o eu desliza para o sonho, onde permanece: não é pois a mulher referida nos primeiros versos que o sujeito abraça ou beija, mas uma Outra, significativamente grafada com maiúscula, sempre ausente e imaginada”. A muller (mãe, amante, compañeira) é “uma realidade ficticia que o eu lírico convoca, ou cuja suposta presença o transfigura” (Isabel Allegro). Quen será esa outra, convertida na Outra, ausente e, polo mesmo, sempre presente, a latexar en cada verso do poeta? A nai convertida en Nai, en  “A Nai” como concepto ou produción mental, que o poeta precisa para vivir. Ou nai, ou Ophelia, “o bébécinho”, que veñen ser a mesma cousa, en tanto complementarios. A imposibilidade da nai posíbel e a posibilidade da noiva imposíbel. O percorrido chega até o límite onde alcanza o absoluto ideal:

Beijo, e em quem penso? / Na Outra.

Ophelia-e-PessoaPessoa pretende fuxir da realidade ao preferir os finximentos. Porque talvez o finximento sexa a máis rotunda realidade, aquela que xamais se acaba, como acontece co gozo e co desexo. Pois é no outro onde un pode ser, por iso mesmo, porque non é, estando a ser, ou mellor, estando a querer ser (eu), no outro, eu. “Pedia-te apenas, sen que o pedira, que saise de ti sen eu dicircho o que eu desexaba: un finximento, un ‘así coma quen’, unha actuación”. “Mas eu pedia-te apenas fingisses esses carinhos.” “Comprehendo que uma pessoa doente é maçadora, e que é difícil ter cariños para ela. Mas eu pedia-te que fingisses esses cariños, que simulasses algum interesse por min.”

É tan pouco, tan pouquiño o que se pide, que nin esa escaseza de anaco se nos ofrece. Non me queirades, está a dicir. Arránxome coa simulación de que me queredes. Pero a simulación non é un traballo, é un xeito de querer, unha manifestación de tenrura, como quen arrola unha criatura e finxe durmir con ela, e coma ela, compartir o contento para que o bebé durma. “Esses carinhos” tan botados en falta. Mais pedir apenas un finximento non é pouco pedir.

“O eu masculino [de Pessoa] situa-se no papel passivo” (Allegro). A pasividade activa do fillo nos brazos da nai da que todo se espera e da que todo, ou nada, chega. Cando a relación se rompe, o necesitado, o dependente prioritario fica á espera. E a pasividade tórnase pasiva por temor a facer algo inadecuado, por medo a repetir o erro, ese inconsciente e involuntario pecado causante da ausencia do outro (a nai), como castigo pola falta cometida. Entón a falta como tacha, múdase en falta como ausencia. Regresará unha vez se aclare e se evidencie que non houbo tal falta, porque eu estou disposto a ser querido, mesmo sen querer, ou como desexo do outro que eu queira:

Quando digo que sempre gostei de ser amado, e nunca de amar, tenho dito tudo. (Pessoa, Paginas Intimas e de Auto-Interpretação).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *