Omar, de Hany Abu Assad

omar1Xerardo AgraFoxo. Omar (Adam Bakri) é un mozo palestino que, para ver a súa noiva Nadia (Leem Lubany) que vive nos territorios ocupados, brinca por enriba do noxento valado erguido polos xudeus. Unha acción que demostra o seu compromiso coa amada e mesmo a súa afouteza ante os disparos que o acosan. Cos seus amigos, Tarek, irmán de Nadi, e  Amjad, tamén namorado da rapaza, integran unha brigada clandestina de resistencia contra as forzas opresoras. Cando despois do asasinato dun soldado israelí, Omar é capturado e torturado por Rami, un astuto oficial inimigo, a súa vida dará un xiro inesperado, un cambio de rumbo tan radical que comprometerá os seus compañeiros, onde ninguén quedará indemne.

Malia o seu romántico comezo, cunha vida que semella nas primeiras secuencias unha traxedia shakesperiana, as peripecias de Omar polas estreitas e labirínticas rúas dunha vila de Cisxordania, convértese nunha historia onde a lealdade e a traizón corren paralelas. omar2Omar, que nun principio debe fuxir das persecucións ás que o someten as patrullas israelís, despois debe andar con tento e amargura ante as amezas que recibe dos seus propios compañeiros.

Este comprometido e excelente filme de Nahy Abu Assad, un palestino nado en Nazareth, foi o primeiro deste país en ser candidato ao Óscar como Mellor Película en Idioma estranxeiro. Galardón que levou A grande beleza, de Paolo Sorrentino. E tivo o Premio do Xurado no Festival Internacional de Cannes (2013).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *