De pé en autobús

autobús1X. Ricardo Losada. O instituto de Rianxo celebrou estes días o 25 aniversario, e algúns amigos falamos o outro día, tomando un viño, sobre o que supuxera aquela inauguración. As xeracións anteriores (incluída a miña) tivera que ir a Padrón estudar. Cantas desvantaxes respecto aos alumnos actuais. Madrugabamos máis, tiñamos moitísimas horas mortas (chegabamos unha hora antes de que comezasen as clases, comiamos en Padrón e agardabamos outra hora polo autobús de volta), faciámoslles gastar máis cartos aos nosos pais en educación, dispuñamos de menos tempo para facer os deberes, e viviamos máis expostos, sinalou o máis tráxico dos meus amigos, a un accidente de tráfico, un roubo, un secuestro (a veces faciamos dedo) e ao absentismo escolar.

     Todo moi certo pero, a medida que avanzaba a conversa, sentíame cada vez peor, como se estivese traizoando ao x.ricardo losada adolescente, precisamente, de todos os x.ricardos losada que coñecín, o que mellor me caía. Da época de Padrón gardo os mellores recordos, todos ligados ao que faciamos naquelas horas supostamente mortas. No autobús, poño por caso, a miña timidez aprendeu a meterlle man á moza ocasional cunha habilidade excepcional. Tan excepcional que nuns autobuses abarrotados, nos que ía máis xente de pé que sentada, comprendín a sutil diferenza entre vida pública, privada e íntima. Sacar a man do peto, cruzarme de brazos, facer saltar a man concupiscente ao abismo mental de dous corpos pegados, e buscar e atopar o peito receptivo e sensual da amada, é unha experiencia que teño gravada na memoria máis íntima, e que aínda hoxe me provoca fantasías eróticas, e me impide ver películas pornográficas.

 móbil     Podía pór máis exemplos, pero ese é tan significativo, que carecerían de interese. Impórtame máis o retrouso que quero sacar desa historia. As incomodidades rexuvenecen. Os mozos rianxeiros actuais seguro que gastan menos cartos en educación, seguro que teñen unha vida máis cómoda, e seguro que poden estudar máis e facer máis cousas produtivas ca nós. Pero, precisamente por iso, aínda tendo a mesma idade, son máis vellos. Onde meten man por primeira vez estes mozos, pregunto cada vez que os vexo volver do instituto para a casa andando. Nunca foron de pé en autobús, cine non hai, e os guateques só existen en nostálxicas cancións. A moitos pareceravos que este é o típico artigo do vello resentido, doído polo paso do tempo, que se alivia pensando que calquera tempo pasado foi mellor. Sería unha xeneralización inxusta. Non teño ningunha dúbida de que estes mozos son máis altos, máis guapos e máis sans do que eramos nós. Pero cada vez que os vexo en clase meténdolle man con fruición ao móbil escondido para que eu, o profesor, non llelo vexa, sei que tamén están aprendendo a sutil diferenza entre vida pública, privada e íntima, pero, de seguido, bendigo aqueles carnosos peitos que toquei nun autobús abarrotado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *