O encargo do señor Castelao, de Luís Rei Núñez

encargoXerardo AgraFoxo. Dous recursos literarios iluminan esta curiosa novela. Por unha parte, o autor conta unha historia de “non ficción”, un procedemento que xa empregara en Expediente Artieda (Premio Xerais, 2000), Toda a vida (2005) ou O señor Lugrís e a negra sombra (Premio da Crítica Española, 2007). Por outra, a narración válese dende as primeiras páxinas dun potente macguffin, o  suposto encargo que Afonso Daniel Castelao (“un vagabundo dunha causa perdida”) lle realizou en Bos Aires a Gómez Gayoso (“un anxo escuro”) para liquidar (“a posibilidade da revancha sen risco ningún para min… e eu pedín que o liquidasen”) polo menos “a un dos culpables da morte de Bóveda”. A partir deste desacougante encontro nunha confeitería de Belgrano, Luís Rei Núñez (A Coruña, 1958) constrúe unha novela que ten como protagonista o autor de Sempre en Galicia. E así coñecemos a súa vida, ateigada de luces, como pai da loita do galeguismo e figura destacada a través dun exilio que o levou a Nova York, París e Cuba, pero tamén un home coas sombras (“distraccións eróticas clandestinas”)  propias de calquera veciño.

encargo2Tendo como pano de fondo a “deleiba” da Guerra Civil, a novela deste autor –que afirma non atoparse cómodo coa “pura ficción” e mesmo “incapacitado” para intentar un bestseller–, destaca sobre todo por tres cousas ben diferentes: a habilidade coa que contrapón diferentes tempos narrativos, a ampla documentación levada a cabo sobre o “irmán Daniel”, sen que esta dificulte a lectura das súas páxinas, e as comprometidas reflexións que realiza sobre unha época (“a terra sometida”) tan determinante para a historia contemporánea de Galicia. Deste xeito, O encargo do señor Castelao (2016)  convértese nunha obra referencial dentro do panorama da literatura galega contemporánea. E, tal como anuncia o autor, no primeiro alicerce doutros “episodios nacionais” cos que trazar o friso dunha Galicia onde están as raíces da nosa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *