O caso Maiakovski, de Roman Jakobson

maiakFidel Vidal. Segundo Roman Jakobson, tal como propuxo en 1919, se os estudos literarios pretenden ser unha ciencia, deben recoñecer no procedemento o seu único personaxe. As súas investigacións non se limitan á obra individual, senón que tamén abranguen “estruturas narrativas, estilísticas, rítmicas, sonoras, sen excluír a evolución literaria, a relación entre literatura e sociedade, etcétera”. (T. Todorov e outros, 1972). Desde o comezo con “Unha labazada ao gusto social” até as súas derradeiras liñas, a obra de Maiakovski, “o tamborileiro da Revolución de Outubro”, é unha e indivisible, pertence ao desenvolvemento dinámico dun único tema. Traballando no poema “O home” dicía que nel quería reflectir “simplemente o home”, non unha abstracción, senón un auténtico home, un Iván “que mova as mans, coma sopa de verzas e se faga sentir directamente”. “O poeta debe acelerar o tempo”. “Chámese Abel ou Caín, para nós non hai diferenza”. O futuro –unha síntese dialéctica- xa comezou. (O caso Maiakovsi, Jakobson, R., Icaria, 1977)

A primeira colección de versos de Maiakovski leva por título “Eu”. “Sinto que o meu eu é pequeno. Alguén quere escapar do meu interior obstinadamente”. Home novo/ libérate/ e voa/ cara ao espazo da morada universal/ (…) Son eu/ eu, eu/ eu/ eu/ eu/ eu/ da terra inspirado purificador…

el casoO poema 150.000.000  é a máis alta expresión da identificación do individual coa masa. Os 150.000.000 transfórmanse nun único Iván colectivo.  Nos apuntamentos desta obra danse as seguintes definicións: “Ser burgués non é ter un capital e tirar a casa pola ventá. É o pé dos cadáveres sobre o pescozo dos mozos, é ter a boca tapada con bolas de graxa. Ser proletario, non significa estar lixado de carbón, ser quen manexa as fábricas. Ser proletario é amar o futuro que fixo saltara sucidade dos sotos, créanme”.

“Váiase ao diaño toda esa literatura que serve de sobremesa”. Os versos de “A casa” están dedicados á antinomía entre o racional e o irracional. O principal tema irracional de Maiakovski é o amor, o amor abatido pola vida cotián. Por que pensaches [Todopoderoso] que se puidera sen sufrimento/ bicar, bicar, bicar?! “Aínda non esgotei a totalidade da miña vida terreal, na terra non consumín toda a miña parte de amor”. A morte expiatoria é o seu destino sen coñecer nin un chisco de alegría: Todos me disparan,/ me degolan, / e eu cando vivo?

O tema do suicidio, totalmente alleo ao futurismo e ao “Novi Lef” (unha fronte de esquerdas da arte que teoriza sobre a literatura documentada contraposta á narrativa de invención), resulta recorrente na súa obra. Vai desde os primeiros escritos até o escenario de Como están?, onde unha nova do xornal conta o suicidio dunha moza que horroriza o poeta. O meu corazón busca o balazo, e a garganta/ delira cunha navalla (de Ascensión).

O suicidio de Maiakovski (para moitos incomprensible, “Isto non vai con el”, “Que lle faltaba?”) foi o acto dun individualista e ao mesmo tempo unha represión do individualismo. maiak (1)Na carta de despedida pódese ler: “Miña nai, irmáns, camaradas, perdoade: esta non é a maneira (non llo aconsello a ninguén), pero non teño saída”. Había tempo que o estaba a preparar, di Jakobson, quince anos antes, nun prólogo a unha colección de versos escribía: Penso máis e máis/ se non sería mellor/ pór un punto con bala ao meu final./ Hoxe,/ por se acaso,/ ofrezo un concerto de despedida.

Impresionado pola teoría da relatividade e apaixonado polos avances científicos –así llo manifestou a Jakobson-, Maiakovski gardaba o “proxecto de lle enviar a Einstein un radiotelegrama de saúdo: á ciencia do futuro de parte da arte do futuro”. A idea era que Einstein fose membro d’A Quinta Internacional. “Estou completamente convencido de que non haberá morte. Os mortos resucitarán”. Resucítame/ aínda que só sexa porque/ eu como poeta/ sempre te agardei,/ desbotando o absurdo cotián! (…) Resucítame:/ quero terminar de vivir a miña parte.

Vivimos pensando demasiado no futuro, vivindo e crendo demasiado nel, até perder o sentido do presente, sabendo que “o futuro tampouco é noso”. Afirmaba que dentro duns decenios seremos cruelmente chamados “homes do século pasado”.

Nesta vida o difícil non é morrer/ senón seguir vivindo. (Maiakovski)

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *