A pedra political

teleX. Ricardo Losada. Segundo os alquimistas, a pedra filosofal era unha sustancia capaz de converter os metais básicos, como o chumbo, en ouro, pero tamén podía ser o elixir da eterna xuventude. Como vedes, un choio, e un símbolo da perfección e da felicidade no seu máximo grao. É certo que buscaron infrutuosamente durante séculos pero, aínda así, non foi un esforzo inútil. A Química procede da Alquimia. É pouco sabido, pero un científico da talla de Isaac Newton (probablemente o máis grande da historia xunto con Albert Einstein) dedicou máis horas da súa vida á busca da pedra filosofal que a estudar esas leis da Dinámica polas que hoxe é tan xustamente recoñecido.

     Levo todo o ano 2016 pensando na alquimia e na pedra filosofal. E a razón non é científica senón (como xa adiviñariades polo título deste artigo) política. Sempre fun un gran devorador de periódicos, telexornais e debates de opinión e, a pesar dos pesares, sígoo sendo. Por iso, este patético ano de sobredose electoral, non me sae da cabeza o bo que sería conseguir o que eu chamo a pedra political: un criterio infalible para saber a quen votar. E, curiosamente, atopeino hai uns meses relendo un relato de Oliver Sacks titulado O discurso do presidente, onde o famoso neurólogo conta unha anécdota real moi curiosa duns pacientes afásicos que el mesmo tratou. É un tipo de enfermos que non entenden as palabras pero que son capaces de comprender que din os interlocutores fixándose nas claves extraverbais da súa fala: ton de voz, entoación, inflexión, énfase, xestos… Como dicía Nietzsche: “Pódese mentir coa boca, pero a expresión que acompaña as palabras di a verdade”. Pois ben. Un día Sacks decatouse que aqueles afásicos, cada vez que falaba o presidente de EEUU, amoreábanse fronte ao televisor para escarallarse de risa. Sacks non tardou en comprender a razón.tele2 Aqueles afásicos non entendían as palabras do presidente pero captaban na súa expresión que estaba mentindo e, como o facía con tanta seriedade, eran incapaces de aguantar a risa.

Non vou propoñer que nenos e adolescentes deixen de estudar Linguas, pero si que dediquen, cando menos, e desde Infantil, o mesmo número de horas a Arte Dramática e Expresión non Verbal. Só así acadarán a pedra political que lles permita captar as verdadeiras intencións dos interlocutores, non deixándose engaiolar por vendedores de serpes. Eu levo varios meses facendo cursos por internet sobre habilidades afásicas e, aínda que non podo dicir que xa acadara a pedra political, podo afirmar (con palabras e expresión) que nas próximas eleccións votarei con máis coñecemento de causa. Despois de dous meses observando en televisión a políticos de todos os partidos co novo criterio afásico, comprobei que todos menten, xa que todos me fan rir. Abstereime, xa que logo? Pois non. Como a política non é un concurso de chistes (aínda que agora, co novo criterio, parécemo), votarei o político que menos me faga rir.

2 comentarios en “A pedra political

  1. Apreciado José Ricardo: Ese criterio infalible que buscas en la política es tan dificil de encontrar… tanto como ” aplaudirle al sol ” y que él te guiñe un ojo. El pastor de la novela de Paulo Coelho encontró lo que buscaba despues de pasar muchas penalidades y lo encontró justo donde había estado tantas veces. ¿Nos convertirémos en afásicos pastores y reconocerémos las modulaciones, entonaciones y gestos de tanto pseudo político ? Como no somos Newton ni Einstein ni enfermos afásicos para encontrar la ” Alquímia ” de la expresión no verbal , pidamos que todos ellos recobren la cordura y ayuden a que todo vaya por el buen camino.
    Bueno, acabémos con una greguería de Gómez de la Serna que les va muy bien a todos ellos : ” Entre el yo, y el super yo, está el qué se yo.
    Besiños palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *