O ADN cultural galego

adn

Os últimos lumes afectaron un centenar de xacementos arqueolóxicos en Porto do Son

Víctor Barbeito Pose. Hai uns meses (re)vivimos unha traxedia que xa é habitual: os lumes forestais; segundo parece, as causas son un galimatías no que non teño opinión experta, pero si a teño das consecuencias deses lumes, mais da xestión que se está a facer do monte. O último lume en Porto do Son afectou un centenar de xacementos arqueolóxicos, principalmente ducias de rochas con figuras gravadas que son unha das manifestacións culturais máis importantes da Prehistoria europea. Unha marca de identidade de Galicia e do galego sen parangón. Podemos atopar motivos da arte rupestre galaica formando parte da imaxe corporativa de empresas, organismos públicos, institucións, incluso na moda, por canto é un alarde de galeguidade.

Actualmente, inmersos na globalización, xa non sabemos se celebramos Defuntos, Samaín ou Halloween; nun momento no que estamos a perder sinais de identidade, como son as tradicións, os costumes, a lingua… que se forxaron ao longo de décadas, séculos e milenios; que deixamos de gozar do noso para consumir o alleo, desfacéndonos dun impresionante e extraordinario legado cultural do que nos deberiamos sentir fachendosos, como algo realmente espectacular, único e irrepetible; presumir de algo grandioso, sensacional, xenial, que fai abrollar sentimentos como a emoción ou a admiración polos nosos devanceiros. Testemuñas dun tempo que sobreviviron ao longo de máis de 4.000 anos nun equilibrio harmónico, para agora por desidia, incompetencia, cobiza, abandono e indiferenza truncarmos o seu futuro e a súa supervivencia, rachando cunha herdanza milenaria, cun sinal de identidade galego como poucos.

A situación é dramática; o Barbanza, e o Son en particular, é unha das comarcas que forman parte do top ten da arte rupestre galaica, con fermosísimos exemplos; conxuntos espectaculares de deseños xeométricos, escenas cinexéticas, escenarios onde se conxugan crenzas, mitoloxía, rituais, simboloxía dos nosos devanceiros, que engrandece Galicia cun patrimonio cultural de primeira categoría.

En xeral, todo o mundo arreda do patrimonio, véndoo como algo problemático, alleo a el, como un estorbo para o desenvolvemento da actividade produtiva, esa que pretende plantar piñeiros enriba das pedras, considerando que o monte só vale para producir piñeiro e eucalipto e, no mellor dos casos, gando.

As administracións miran cara a outro lado, especialmente aquela que ten a maior parte das competencias e, polo tanto, das responsabilidades; iso si, esixindo pulcritude e decoro ao/á administrado/a nas actuacións que poidan ocasionar algunha alteración sobre os bens culturais, pero que, cando se require que actúe consecuentemente co propósito que xustifica a súa existencia, que é velar polo interese xeral, practica o deixamento de funcións.

Tampouco a responsabilidade social empresarial se deixou engaiolar: usou como imaxe corporativa algunha das figuras máis senlleiras sen que se preocupase por corresponderlle. Tense traballado arreo para aflorar un patrimonio único, sensacional, nado en tempos remotos, e que hoxe nos debería encher de xúbilo, de euforia e ledicia; e, non obstante, agoniza.

Esta entrada foi publicada en Ciencia, Ensaio, Víctor Barbeito Pose. Garda a ligazón permanente.

3 respostas a O ADN cultural galego

  1. Víctor Barbeito di:

    Agradezo os seus comentarios, tanto o de Magdalena como o de Francisco.
    Aproveitando as súas entradas, comentarei que sospeito indefectiblemente volverá a suceder, sendo un deju déjà vu.

  2. Magdalena di:

    Buenas tardes Víctor: Hace un rato he leído tu artículo y también la réplica de Francisco. Estoy completamente de acuerdo con ambos, opino exactamente igual. En mis caminatas diarias que suelen ser de hora y media a dos horas ( por tanto conozco las zonas más rurales ) veo con tristeza que los montes y bosques están llenos de maleza. Eso es un riesgo para la propagación de los incendios, pero lo insensato es que no dejan limpiarlos. Yo no sé si es la administración, los ecologistas o el sursum corda, pero es así, y si el monte no está limpio es mas fácil que arda, y como hay muchos intereses creados, referente a la madera, suelo, y sabe Dios cuantas cosas… los pirómanos y enemigos de nuestra tierra se frotan las manos.
    He estado hace unos meses en ” a Pedra das Cabras ” cuando llegué allí no podía creerme lo que estaba viendo. Además de que el acceso es penoso lleno de broza y zarzas hay un pequeño riachuelo que hay que cruzar para llegar al petrogrifo. No todos los que allí van pueden saltarlo y costaría muy poco hacer una ” pontella” (en condiciones claro está ) para poder ver la piedra de cerca, que por cierto está tan llena de musgo que los grabados apenas se perciben, hay que intuirlos . Y lo mismo digo del Puente Romano de Xuño que el paso es casi inaccesible. No digamos de las pintadas antiestéticas en los muros de piedra y lugares que deberían respetarse, en fin… Entender lo bello significa poseerlo y los que hacen esas cosas y el que las consiente además de imprudente es necio.
    Saludos palmeiráns
    P.D. Espero que la predicción de Francisco no se cumpla, de ser así invocaríamos a Hércules para que hiciese con los especuladores lo mismo que con la cabeza de Gerión.

  3. Francisco di:

    Desgraciadamente, estas atinadas observacións non entran nos ben illados despachos da administración. Todos vimos, ademais, ó turista que se sube á Pedra das Cabras para sacar a foto e acabar de erosionar a pedra, ou encima do dolmen como se fose a peaña do seu desprecio, sen que ninguén lles poida dicir, “iso non se fai”. Semella que para a administración estos monumentos son un atranco para “o seu” progreso. Calquera día tiran coa Torre de Hércules para facer un edificio de apartamentos con vistas ó mar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>