Curiosidade

vacaCarlos Mosteiro. Así é como debeu empezar a filosofía. Debeu ser primeiro un achegamento curioso, esa mirada perplexa, silandeira, temerosa, case tremente cara ao coñecemento ou ao descoñecemento; en todo caso, cara ao misterio. Os ollos agrandados, preparados ante o que poida pasar, o perigo que se atopa indefectiblemente diante da aventura intelectual, máis alá dos parapetos defensivos, das seguridades que xa non existen. É a vertixe, o non retorno. Máis alá dese atrevemento pode sobrevir a dor. A mirada bondadosa e serea, bovina non revela ningunha alteración. Ao mellor é porque así é como hai que enfrontarse ao novo, ao que inda non se produciu e que vén procurarnos; sen afectación nin medo; cun leve ton de ironía. Mesmo con sarcasmo.

O que está detrás é o xa visto, o mundo tal como é, o coñecido, as nubes, as montañas. Todo iso xa non conta, é cousa sabida, xa está conquistado. O que agora importa é o que hai diante da cámara. O importante aquí xa non é o que se ve, senón o que aínda permanece oculto, o misterio que está a piques de se resolver. Ou non. Ao mellor co que nos atopamos é con outro misterio inda maior: caixas chinesas, unhas dentro das outras, que non se acaban nunca, que non teñen fin.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *