Naufraxio da traiñeira «José María», de Porto do Son, en 1893

Na dársena sonense vivíronse horas de angustia agardando noticias, que acabaron sendo tráxicas

Na dársena sonense vivíronse horas de angustia agardando noticias, que acabaron sendo tráxicas

Manuel Mariño del Río. É moi probable que unha das primeiras referencias ao porto sonense sexa un documento de 1398 no que «el arzobispo da en foro a Diego Rodríguez de Noya, vecino de Muros, el lugar de Noal con Puerto del Son». No século XV, Noia e Muros eran xa os dous portos máis importantes da ría. Os mariñeiros sonenses descargaban directamente en Noia e, sobre o ano 1434, o porto sonense estaba xa considerado o máis importante dos subsidiarios daquel porto, e xa xurdía como un futuro competidor deste.

Dos importantes datos que nos achega o catastro do Marqués de Ensenada en 1752, podemos saber que daquela, no peirao sonense, había 19 embarcacións, e que traballaban no mar un total de 128 mariñeiros que repartían a pesca en quiñóns: polo barco, polos aparellos e por cada un dos tripulantes que levaban a bordo.

A importancia que foi adquirindo este porto vai relacionada a un tempo cun importante número de naufraxios. Un deles foi a perda da traiñeira José María. Aínda que se coñecen poucas novas que axuden a clarexar aquela fatalidade, sabemos que o barco desapareceu o día 6 de novembro de 1893 cando navegaba rumbo á Coruña, sen deixar rastro ningún. Unha parella atopou, a unhas 12 millas de Porto do Son, uns restos que presuntamente podían pertencer a aquela embarcación.

Nesta dársena vivíronse horas de angustia agardando noticias, xa que desde a súa saída nada se soubera, nin do José María, nin dos 18 mariñeiros. Desde este porto solicitouse información ás autoridades da Costa da Morte por se alguén vira o paso do pesqueiro cara á Coruña, ou se houbese novas con respecto á súa desaparición.

Axiña se enviou desde Carballo un telegrama das autoridades de Camariñas indicando que descoñecían o paso cara ao norte de ningunha embarcación con ese nome e que coincidise coas características da mesma.

Intensa busca

Nos días seguintes, a pesar da intensa busca, tanto por parte de embarcacións destinadas a tal fin como por parte das que se dedicaban ás tarefas pesqueiras dos portos da zona, non se acadou ningún resultado positivo.

Transcorrido un tempo sen que se atopase ningún rastro do barco, o José María e os seus tripulantes foron dados por desaparecidos. Dos arquivos extraemos que algúns dos falecidos foron: Pedro García Paz, 28 anos, casado; Antonio Sobrido Carou, 28 anos, casado; José Benito Triñanes, 43 anos, casado; Benito Paz García, 24 anos, casado; José Antonio Lojo Fernández, 25 anos, casado; Manuel Santos Bazarra, 46 anos, casado; Juan Lourido Landeira, 21 anos, solteiro; Manuel Lourido Landeira, 12 anos, solteiro; José Paz, 22 anos, solteiro; Gerardo González Chouza, 14 anos, solteiro; Lucas Bueno Rodríguez, 19 anos, solteiro; Avelino Díaz Queiruga, 17 anos, solteiro; José García Fernández, 13 anos, solteiro e Antonio Calo Barreiro, 14 anos, solteiro.

Esta perda constituíu un dos máis importantes naufraxios dunha embarcación desta vila. No espazo de 15 anos, entre 1879 e 1894, un total de 8 embarcacións sonenses desapareceron ou naufragaron ocasionando a morte de 61 homes que deixaron un gran número de familias completamente desamparadas.

Esta entrada foi publicada en Ensaio, Manuel Mariño del Río. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Naufraxio da traiñeira «José María», de Porto do Son, en 1893

  1. Magdalena di:

    Buenos días Manuel:
    Al leer tu artículo se me ha puesto un nudo en la garganta. Aquí en Palmeira, yo recuerdo también varios naufragios de dornas que son las que aquí se utilizan y tal vez alguna lancha motora. Son muertes contra natura ( si así puede denominarse) y tristísimas para sus seres queridos por la ausencia del cuerpo. Depositar una rosa encima de la fría losa del camposanto a veces es un privilegio.
    Conozco varias historias dolientes referente a estos casos pero en esta ocasión no me parece oportuno relatarlas.
    Saludos palmeiráns Manuel. Ídem para todos los participantes de este Café.

    • Manuel Mariño del Río di:

      E que cada pobo e vila mariñeira galega están moi vencellados a estas desgrazas que eran tan frecuentes sobre todo nos barcos á vela. O loito estaba tan flor de pel que aínda lembro, cando era neno, as ringleiras de nais, esposas e fillas de mariñeiros entrando na capela da Atalaia para guiar co seu constante repenicar aos barcos que nos días de borraxeira querían entrar na dársena de Porto do Son.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>