Lei e gozo

fe2Fidel Vidal. Este é o primeiro e único principio da ética sexual: o acusador nunca ten a razón, afirma Adorno. A presenza do pai non só impón represión sobre a posta en acción do acceso ao gozo senón tamén, mediante a interiorización simbólica -simbiótica- propón a veda, a inserción da Lei, a lei da prohibición do incesto, coa máxima expresión precisamente cando falta o pai. No seu lugar haberá un oco, un baleiro convertido en metáfora: a metáfora do Nome do Pai. Así é como persiste a lei, na represión interior formando parte dun mesmo, coa vitoria do Principio de realidade -a realidade do inconsciente reprimido, é dicir, o Outro como lugar de acubillo do significante- sobre o Principio de pracer.

Para frei Juan de la Cruz a fe vén ser como a noite escura para a alma. O significado da fe, se o ten, virá dado polo feito de pechar os ollos ante a razón e vivir da e na escuridade, na ignorancia como saber sen saber. Un saber prohibido aos homes co perigo de seren castigados eternamente. Frei Juan cos continuos sacrificios intenta volver atrás non como unha regresión senón como anulación total do seu ser sentinte até un nivel de limpeza prenatal, prexerminal, onde o bautismo, ao non existir mancha porque non hai corpo a lixar, non tería valor. Ao carecer de orixe o pecado orixinal é imposible.

feVelaquí o desexo do santo: ser só fenda, oco, nada, para que Deus caiba e sexa na súa totalidade. A alma debe quedar “a escuras de todo lume de sentido e entendemento, saíndo de todo límite natural e racional para subir por esta divina escala da fe, que rube e penetra até o profundo de Deus”. É por iso, continúa frei Juan, que “ía disfrazada, porque leva o traxe e vestido e termo natural mudado en divino, subindo pola fe; e así era causa este disfrace de non ser coñecida nin detida do temporal nin do racional nin do demo”.

Todo misterio radica no acto destinado a nos ocultar o feito de que “non só a morte do pai non abre a vía cara ao gozo, que a súa presenza está prohibida, senón que reforza a súa interdición” (Lacan). Unha falla sostida, articulada, feita visible polo mito, pero ao mesmo tempo camuflada por el. Para acceder ao gozo é necesario transgredir a lei. O coñecemento do pecado vén dado, en palabras de Paulo, pola lei. De non haber lei non habería culpa. Daquela, quedaría expedito o acceso ao gozo? De ningunha maneira, pois non habería gozo. Ambos os dous, o gozo e a lei, camiñan xuntos e collidos da man.

Un comentario en “Lei e gozo

  1. Apreciado Fidel:
    ” Para acceder a o gozo é necesario transgredir a lei “. Yo también gozo leyéndote , y ahora también disfruto de los comentarios con los que Javier Peteiro te replica. Ojalá tuviera yo esa inteligencia para no pecar con la ” ley ” de la palabra escrita y oral para poder caminar a la par con vosotros en este medio de la grafía.
    Sois unos excelentes maestros y con maestros así, los torpes también aprendemos algo.
    Saludos cordiales desde Palmeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *