Che Tembra

dani gestosoAntonio Piñeiro. Posúe a habilidade de caricaturizar (sintetizar nun bosquexo rápido e fidedigno o que ve) co metal. Coma forxar debuxos, templar o tempo, facer que a montaña veña cara a un. Case unha arte do imposible. Meterlle o ferro escultórico a un debuxo ou á ironía de Castelao, ao fino humor caricaturesco, non semella doado, e lévanos a imaxinalo coma un cíclope da fragua de Vulcano, ollando para a dureza virxe da lámina coma se descubrise nela a beleza, para o Apolo aparecido coma se descubrise a divindade. Aínda que el non co arrepío de Vulcano, senón máis en dozura e sorriso, máis en Che.

Recordo unha imaxe, coido que no programa Salseiros, que é exactamente así. Pero non é iso o que máis admiración nos causa. Podo dicir que o xeito de traballar de Che Tembra, a súa personalidade artística e íntima, é unha das cousas que me deu alento certo.

Mesturando a afouteza
Tenme guiado moito, Che Tembra, mesturando a afouteza do coñecemento coa dozura do ser, o metal coa memoria, coma unha soldaxe da verdade. Dise que a memoria é unha soldaxe do vivido por medio das súas emocións. É curioso que Che escollese (polo menos en boa parte) como tema a memoria e como vehículo o metal. Unha soldaxe que nos trae o concepto de persistencia á vez que nos sitúa diante do reloxo brando da vida. Todo un pensamento.

Fomos tomar unha cunca unha tarde, aí atrás, no bar Berberecho de Rianxo e, diante dun seu traballo colgado na parede, contábame os retrincos da escena na que puxera unha man a muxir un ubre, pero en ferro humorístico. Un ubre de ferro que se me fixo coma a metáfora dunha metáfora, unha reviravolta do significado, unha xenialidade. O título que inspira a variación, de sócato, mudou (e coido que tamén el o percibiu) na linguaxe dun sentimento cordial, riseiro, unha mestura de tenrura e forza, do amor pola terra co fulgor vitae, que coido que vén ser o sentido primeiro da súa obra.

Ao falarmos, falaba preto. Sempre o fai. Achégase, quero dicir: achega o seu factor humano e deixa a cancela aberta de vez para recibir o noso. O ferro é algo así. Forza dúctil, enteireza flexible, flexibilidade forte. Quizais o elemento/material naturalmente compatible coa natureza de Che, coas pebidas de lume de forxa nas mans, co veludo da cinza, coa teimosía da ferruxe, coa calor do home; a ollada de coiro amizable, da lealdade dúctil que o ferro dá, e un sorriso que comeza aí, na ollada, que vai enchendo discretamente os espazos nos que se atopa. O metal recortado, desbastado, golpeado, soldado, adicionado, puído, rañado, maleado, roto, fundido, transfigurado, dunha arte e dunha obra cuxo comentario se fai inesgotable, inabarcable, pero do que me quedou, dende o primeiro intre, iso, o exemplo do seu facer e a admiración da súa personalidade.

Esta entrada foi publicada en Antonio Piñeiro, Artes plásticas e escultura. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>