Vida e obra dun narrador ourensán

casaresRomán Arén. O muradán Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega, achéganos de xeito claro e áxil á vida e obra do autor de Xoguetes para un tempo prohibido, procurando un equilibrio entre a vida e o labor literario de Carlos Casares, que divide en catro unidades: a infancia e mocidade (1941-1962), a revelación do escritor (1962-1975), os tempos de crecemento (1975-1985) e a plenitude (1986-2002). En apéndice ofrece a visión que o propio autor ourensán tiña do oficio de escribir e das súas principais obras a partir das entrevistas que lle realizaron en distintos momentos da súa vida. Engade unha bibliografía das obras de Casares e outra, selectiva, sobre o autor. Achega algunhas novidades biográficas, pero a vida de Casares está aínda moi próxima no tempo para que se poida facer unha biografía totalmente sincera ao xeito anglosaxón ou francés. Porén, consigue recrear con moito acerto o contexto histórico e vital do autor, de xeito ameno, o que permite unha lectura doada e moi recomendable para os estudantes e o público xeral.

Non esquece algúns episodios da vida pública de Casares que estiveron rodeados de certa polémica no seu paso pola política, nin o importante traballo que realizou como xestor cultural á fronte da editorial Galaxia e da revista Grial, así como no Consello da Cultura Galega e na RAG. A obra procura manter un ton obxectivo, pero percíbese a empatía do biógrafo co biografado e mesmo con algunhas das súas visións da nosa cultura e do noso país.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *