Agosto de memoria e morte

Agosto de memoria e morte (2)Agustín Agra. De partida debería confesar que non é a novela negra xénero que me encha o ollo. Mais tamén é certo que non deixo de achegarme a todas e cada unha das obras que Diego Ameixeiras tira do prelo, que gozo coas entregas do comisario Montalbano, e que son seareiro entusiasta do cínico Mandrake do Rubem Fonseca. Porén, coido que o meu gusto polas súas obras é froito da sabedoría literaria tanto do ourensán como do brasileiro, así como pola querenza inexplicable que teño por Sicilia, á que Andrea Camilleri radiografía con sabia precisión.

Xulgar aos demais resulta ben máis doado que xulgarse a un mesmo; sabémolo. Caer en prexuízos é fácil e Xaquín Fernández Leiceaga –Xocas– e mais eu compartimos demasiados lugares: espazo e tempo, tamén veciñanza –común é a nosa vila natal, escenario asemade da obra–; e a proximidade excesiva pode levar, e leva, a un problema de falta de perspectiva.

Que persoeiro da vila se esconde detrás de tal personaxe? Quen na de tal outro? Quen eu creo ou estarei errado? Resúltame imposible non coutar a lectura e entrar no xogo de intentar descubrir quen se agocha detrás dos nomes –parentes algún deles, malia que familia política– das personaxes ficcionais de Agosto de memoria e morte. Fáltanme anos para albiscar moitas das chaves. Fico xa que logo, a medida que a trama avanza, cun outo feixe de preguntas para formular a amigos e familiares de máis sabedoría e idade ca min.

Agosto de memoria e morte (1)Da obra de Xocas gustei, alén da prosa áxil, das referencias paratextuais e de moitas das súas metáforas e símiles, das imaxes que foi quen de tecer na miña mente –branco coma cuncha de lura–. Sobre a guerra civil –ben presente amais de vertebradora da novela– nin está todo contado nin esgotados os posibles puntos de vista. O fascismo amosa múltiples facianas. O alento fétido da Hidra de Lerna segue chegando ata nós. De cada pescozo mutilado da besta xorden, como outrora, tres novas cabezas. Resulta imprescindible que se continúe a remover nos lodos tóxicos da memoria. Aínda que a achega sexa literaria, queda moita xustiza –non da de Talión, por suposto–, por facer.

Considero xusto asemade, ademais de procedente, non deixar de observar que a sombra de Xerardo AgraFoxo é alongada. Antóllaseme difícil escribir coa vila de Noia como escenario –o seu devir no século XX e os persoeiros que poboaron as súas rúas– e canear os traballos de investigación histórica e as novelas de AgraFoxo. Creo descubrir o seu ronsel a cada paso: detrás da figura de O Pombeiro, da do Cantino, tamén na do fillo de Fanny e Fernando –estudante de medicina asasinado pola garda civil–, e na de moitas outras personaxes da obra.

            Lonxe da miña idea reconciliarme co xénero –o negro–, mais se Xocas tira do caletre e recunca cunha nova entrega, lereina gozoso.

Esta entrada foi publicada en Agustín Agra, Narrativa. Garda a ligazón permanente.

6 respostas a Agosto de memoria e morte

  1. gonzalo trasbach paz di:

    Lémbrome ben do suceso. Só quería que me confirmaras o nome. Como te dixen, estudou na Salle. Sei que estudaba Menciña, porque o seu compañeiro era Segundo de Andrés Vidal, doutor na Coruña. Os tres coincidimos un verán en Londres. Algúns días quedábamos no Marble Arch para falar e mirar para as mozas que se xuntaban na esquina do parke. Agradecido por recordarme o nome. Saúdos.

  2. Agustín Agra di:

    O seu nome era José María Fuentes Fernández. Estudaba mediciña e o suceso tivo lugar na noite do 3 para o 4 de decembro de 1972. O autor da novela, Xoaquín Fernández Leiceaga, era seu curmán: o pai de Xocas era irmán de Fanny. Tanto Maxi como Bieito, máis sabios ca min, poderan correxirme se me equivoco.
    Eis a nova na hemeroteca do abc do xulgamento do asasino: http://hemeroteca.abc.es/nav/Navigate.exe/hemeroteca/madrid/abc/1973/07/13/038.html

  3. gonzalo trasbach paz di:

    Dicídime o nome do home ese. Penso que falades do rapaz que estudou conmigo no colexio La Salle e estivo con Segundo de Andrés Vidal, un destacado doutor de Noia, e un mesmo en Londres, o verán anterior á que o mataran. Foi a miña primeira manifestación contra da morte dunha persoa. Estaba en Santiago na facultade de Matemáticas. Choran as nubes que hoxe nin as mirei no ceo deste día tan luminoso.

  4. Agustín Agra di:

    Eis o fío solto. Ben sabía eu que debía preguntar a algún amigo de maior sabedoría…
    Aperta, compañeiro!

  5. Bieito González Domínguez di:

    Concordo con Maxi, o asasinato de José Mª Fuentes, foi obra da Policía e non da Garda Civil.

  6. Maxi Olariaga. di:

    Coido que ó fillo de Fanny e Fernando, asasinóuno un policía do C.S.P. Falaremos diso…. Apertas. Maxi.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>