Sexo inexacto

gotas1X. Ricardo Losada. Non sei cantos anos tiña pero recordo perfectamente cando me explicaron por primeira vez a propiedade conmutativa. Dá o mesmo resultado sumar 3 e 2 que sumar 2 e 3. Pareceume algo marabilloso e aínda hoxe gardo unha reminiscencia daquel encantamento. Cando vexo a matrícula dun coche que me recorda esa propiedade, 3223, 5665, por exemplo, penso que me vai pasar algo bo. Porén, se a matrícula podería cumprir esa propiedade pero non a cumpre, 3232, 6655, penso que me vai pasar algo malo. A matrícula do meu coche é 3233. Respirei aliviado que non fose 3232.

     O outro día, vendo a película Historia dunha paixón, biografía da poeta Emily Dickinson, un personaxe dixo unha frase (“Quen te admira, envéxate”) que me chamou poderosamente a atención. En principio pensei que era polo significado paradoxal, pero axiña me decatei de que era porque non cumpría a propiedade conmutativa. Quen te admira, envéxate, non é igual a quen te envexa, admírate. Admirar implica necesariamente envexar, pero envexar non implica necesariamente admirar. Un pode envexar a unha persoa que non admira. Tamén respirei aliviado. Se a propiedade conmutativa se cumprise en accións como admirar e envexar, a vida sería moi aburrida.

     Como vedes, aínda que son un gran admirador das matemáticas, necesito pensar que non son exactas en todos os ámbitos. Non sei moi ben a razón, pero recordo perfectamente que teño esa necesidade desde que un profesor de instituto me preguntou se consideraba as matemáticas unha ciencia exacta. gota2Por suposto que si, dixen, 1 máis 1 sempre é igual a 2. Unha mazá máis outra mazá, confirmou el, dúas mazás; unha mesa máis unha mesa, dúas mesas, non si? Asentín de novo. Pois equivócaste, retrucou, se collo unha gota de auga e a sumo a outra gota de auga, non dá dúas gotas de auga, dá unha gota maior. Nun primeiro momento quedei sorprendido pero, en canto vin en min, e aínda que admiraba e envexaba a aquel profesor, o seu razoamento pareceume a babecada máis grande do mundo. Pero só ata que uns días despois experimentei por primeira vez a marabillosa sensación de chegar ao orgasmo ao mesmo tempo que a moza. Un orgasmo máis un orgasmo, comprobei, non dá dous orgasmos. Dá un orgasmo maior.

2 comentarios en “Sexo inexacto

  1. Outra coincidencia máis. Eu tamén fago malabarismos coas matrículas dos coches.
    Sempre me gustaron os números e as matemáticas, aínda que xa as teño moi esquecidas. De feito, era o que quería estudar antes de que se cruzase na miña vida
    o profesor de Filosofía de COU. Impresionoume como me explicou a Platón. Eu hoxe explícoo de forma moi distinta (cunha maior concreción) pero saber que se podían integrar as matemáticas coa física, a poesía, a ética, a música, a política, e todo o que se lle puxese por diante, foi, para min, enormemente suxerente. E esa combinación só era posible na facultade de Filosofía, non na de Matemáticas.
    As chanzas non se perdoan, agradécense. Son das poucas cousas que non combinan ben cos números.
    Outra vez un brillante comentario.
    Apertas

  2. El orden de los factores no altera el producto. Te diré querido profesor que la matrícula de todos nuestros coches ( menos esta última) siempre han sumado trece. 1390, 9310, etc, etc. Casualidades de la vida . No soy supersticiosa para nada, pero tengo también la costumbre de sumar los números de las matrículas, lo hago desde pequeña y me encanta que el número 20, sea el resultado de la suma. Si no lo es, no me preocupo en absoluto pero, me gusta ver ese total como resultado. Manías que una tiene.
    Y para rematar, voy con el final de tu artículo. Ya que va de matemáticas ( y yo en esa materia no doy una ) Echando mano de Gauss, que hizo mucho por conseguir que las matemáticas pudiesen combinarse de forma natural con la física, decía : ” EL FLUJO del campo gravitatorio a través de una superficie cerrada es proporcional a la masa total contenida en el interior “. ( Los principios generales del esquema teórico de los FLUIDOS en estado de equilibrio )
    Espero sepas perdonarme esta broma querido profesor.
    Dous biquiños ( que así fai un máis grande)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *