Eme Cartea. Entre o 26 de setembro e o 2 de outubro de 2016 celébrase en Ourense, por segunda vez en Galicia, o 82 Congreso do PEN Club Internacional, organizado polo PEN galego -presidido por Luís González Tosar, O Che, coordinado e dirixido por Xabier Castro, e ao que asisten máis de 200 escritores de 80 países co lema, Tendendo pontes literarias -coa literatura galega como elo entre o mundo hispánico e a lusofonía- e, como albo, a defensa pechada dos escritores, periodistas e blogueiros que no mundo están a ser afectados por algún tipo de represalia.
A montaxe artística desta presentación -que puidemos ver pouco hai no Lustres Rivas de Ribeira e no Alberto Sampaio de Guimarâes-, na que intervén moita xente, e a maioría de Ribeira, é unha sorte de performance conceptual e simbólica, primorosamente interpretada, que conta con sete intervencións fotográficas inspiradas en cada un dos sete homenaxeados, coas súas «semblanzas» en galego, castelán, francés e inglés que dan honra, reparación e visibilidade a estes autores inxustamente perseguidos.
E á parte do seu carácter artístico e literario, conta cunha unidade didáctica interdisciplinar realizada no seo do IMER sobre dereitos humanos que está a ser aproveitada nas aulas de varios centros de secundaria da comarca, amais das visitas guiadas á exposición e dun concurso fotográfico co lema Interpreta co teu móbil un libro censurado.
Todo un evento que fala moito e ben do seu polifacético artífice e do seu compromiso coa beleza e a verdade. Porque, nel, a cultura non é un poder inmediato senón participativo. Un «artefacto», pois, cheo de sensibilidade e eficacia estética.