Colonia, de Florian Gallenberger

coloniaInés Otero. O argumento desta película, baseada en feitos reais sucedidos no Cono Sur americano, é o seguinte: unha  parella alemá, a azafata de voo Lena (Emma Watson) e o artista Daniel (Daniel Brühl), vense encerellados no golpe de Estado de Chile no ano 1973 contra Salvador Allende. Cando el é secuestrado pola policía secreta de Pinochet, ela, logo dunhas pescudas iniciais,  seguirá as súas pegadas ata un afastado lugar do sur do país coñecido como Colonia Dignidade. Un centro que semella unha misión de caridade, pero que agocha un campo de internamento apoiado polos servizos secretos alemáns, dirixido por un nazi, Paul Schäfer (Michael Nyqvist). Este home trata os reclusos cuns alienantes ademáns, converténdose no verdugo máis noxento dun réxime que organiza neste “paraíso imaxinario” macabras torturas e asasinatos contra milleiros de presos políticos. Cando Lena consegue entrar neste enigmático lugar  vivirá unha experiencia abraiante.

Colonia-EscenaMalia que a película está tratada cun certo aire de aventura e sentido melodramático, Colonia (2016) resulta unha excelente oportunidade para denunciar o fanatismo relixioso dunha seita que aproveitando a vulnerabilidade de certos grupos sociais –coma os orfos de guerra ou os campesiños máis humildes–  practicaba abusos sexuais contra menores e obrigaba a realizar faenas escravas, amparándose nunha ditadura que espallou durante varias décadas o terror por Chile coa complicidade do Tío Sam.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *