Apocalipse xovialmente integrada (IV)

p01dr3lsIgnacio Castro Rey. Exemplarmente, nesta inmadureza unisex, no narcisismo expandido que –ata os setenta- esixe un divorcio perpetuo de calquera compromiso. Para empezar, cun complexo pasado. Cando algúns maiores parecen pórse duros e esixentes, ás veces só intentan compensar o líquido amniótico no que viven os seus fillos con certa ironía, á forza analóxica e cruel. Con mellor ou peor humor, algúns adultos non poden evitar certa agresividade cara a esa mutación transversal que invade a unha adolescencia prolongada. Pero isto no é a norma. Nunha recente graduación de Bacharelato podíase comprobar como, invadidos polo continuum dunha diversión obrigada, hoxe apenas existe distinción de idades nin de sexos. Mais e fillos, pais e fillas, bachareis e universitarios flotamos na mesma nora de “felicidade”, programada á carta. Os pais son coma os fillos, os profesores son coma os alumnos, e viceversa, nunha especie de camaradería horizontal que agocha as xerarquías e discriminacións. O único principio é o entretemento, é dicir, a estratexia da indiferenza ao “raro” que non circula. Máis ou menos coma na televisión, onde o locutor anuncia coa mesma cara radiante unha noticia lutuosa que un fito musical. Ese aire de espectáculo igualitario é mentira, exactamente como era calquera outra ideoloxía do pasado, pero a súa atmosfera debe durar o día enteiro ata que nos deitemos, precisamente para que non se vexa a nosa condición de escravos do actual amo acéfalo, flexible e sen nome.

É a apocalipse da normalidade, o da cobertura perpetua, onde nada épico debe ocorrer. Dentro de pouco todos estaremos tan integrados nesta nube da desintegración, que non haberá máis que seres marxinais, desaloxados da sombra da súa propia alma e incapaces de sentir nada sen prótese.

singularPor debaixo do entretemento nada é horizontal e o poder segue emanando dun individualismo feroz, aínda que hoxe haxa de tomar vías perversas. Nunca fomos “iguais”, e tampouco fai falla: en que me parezo a meu curmán? Se acaso, a traxicomedia humana esixe sentirnos irmáns: semellantes no segredo inconfesable que nos percorre por dentro. A condición mortal ten en cadaquén un relevo distinto, dificilmente comunicable: es tímido ou audaz, triste ou alegre, rápido ou lento. Quérente ou non, tes amigos ou non, es popular ou non. Tes ou non tes diñeiro, o mesmo que boas notas… Así de sinxelo. Por suposto, a vida en sociedade esixe dalgún xeito reprimirnos e finxir –bendita hipocrisía e educación- para que a comunidade sexa posible. O problema é que nolo creamos de verdade, confundindo a necesaria ficción compartida coa realidade subterránea. O problema é a inmersión, cos dos hemisferios e coas dúas mans, nesta nora interactiva das facilidades publicitarias. En intres cruciais e difíciles, igual que hai cen anos, sempre estaremos sós; necesitamos mesmo estalo antes de poder expresarnos e ter algo que dicir.

Se alguén quere sobrevivir, nun mundo darwinista de selección permanente –e non menos pola esquerda que dereita- non debería mendigar recoñecemento nin vivir enredado. Un día ou outro terá que imporse, exercer unha forza, buscando a singularidade do seu sitio real. leerA ser posible, debe facelo con sentido do humor, simpatía, bos modais e piedade. Pero, finalmente, terá que conquistar un lugar sen pedir permiso a ninguén. É necesario levar ata o final o que somos, que non ten sido elixido, que é aquilo no que debemos crer. E facelo sen excesivo medo ao fracaso. Todos espertamos a golpe de accidente, que cando menos indica o que non é noso. Non hai outro camiño que esta común lei da gravidade, distinta e intransferible para cadaquén.

Cun constante estrondo, sexamos adolescentes ou adultos, hoxe prométesenos outra cousa. Mais ceder na chantaxe dunha xuventude sen límites, aprazando indefinidamente a crueza de espertar para seguir no limbo dos soños estelares, fará máis duro o día de mañá. Un mañá que xa está aquí, no subsolo das nosas escenas radiantes. Tocar esa terra agochada é inicialmente un pouco duro, pero acaba tendo a maxia dun forte erotismo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *