Iwel

7Xerardo AgraFoxo. A aldea estaba agochada entre un cordal de montes. Os seus habitantes pertencían á etnia bedik, unha das tres que habitaban no triángulo comprendido entre a chaira de Niokolo Koba e a fronteira guineana, un abeiro moi acaído para refuxiarse das bestas salvaxes e as incursións dos escravistas que actuaban coma voitres. Estes pobos construíran as súas casas, con muros de barro e teitos de palla, no medio duns baobabs e unhas ceibas que parecían propias dun conto de fadas. Polo seu illamento nunha curota afastada, os habitantes de Iwol conservaban unha das identidades culturais máis antigas de África Occidental, aínda que ultimamente algúns habitantes racharon coas súas crenzas animistas porque se deixaron engaiolar polas ideas que trouxeron os veciños que emigraran ao val.

Woudy levoume cabo dunha praza cinguida de cabanas. No centro había un recinto sostido cuns perpiaños de madeira. Aproveitábase para as reunións dos veciños e durmir nel nas noites calorosas. Recibiunos unha muller que, despois de descargar unha cunca de liño que levaba na cabeza, cobrounos 2.000 CFA pola visita, ao redor de 3 euros. Despois apareceron máis mulleres, vestidas con saias alegres ata os nocellos e enfeitadas con colares e arracadas. Os nenos non deixaron de dar voltas ao noso arredor. Woudy baldeirou un cabazo con cervexa de millo miúdo e probou dun pote unha sopa de sorgo mesturada cunha salsa de follas e sementes de baobab.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *