A ollada da «Nena na praia»

BD21C3F3_214851Antonio Piñeiro. Antonio Pérez está xa inmerso no seu próximo proxecto artístico. O taller de Ribeira, sen que nos decatáse-mos, hai tempo que está a botar os fumes cromáticos da súa ardencia. Sóubeno nesta miña última visita. Nin de lonxe daría en imaxinar o que estaba a piques de me amosar. No medio da conversa saíu un grupo de figuras de nenos. Unhas augadas fermosísimas, xa de por si suficientes para encher pracenteiramente a mañá, e de entre as que escollín esta nena na praia pola súa delicada, exquisita e fresquísima factura.

Antonio tende a superarse coa prontitude, no toque rápido. É un gran captador. Tamén un gran debuxante. Xa se ten dito que é o debuxante da alma mariñeira. O pintor da esencia ribeirá. Sempre que penso naquela Ribeira venme un grupo de petís na praia. Non sei por que, mais a el semella pasarlle o mesmo.

Desta volta quixen volver experimentar coa augada ­ -adiantou-. Aí a sensación de bosquexo, de espontaneidade, de toque, malia que conteña toda unha historia alén do instante, que tamén o encadre diferente contribúe a reforzar. Aí a mestría, da que quixera destacar esta vez, ao socairo do dito, a modelaxe da forma. Esa característica notable que atopamos nos cadros de Antonio e que, a carón das outras, os fan indiscutiblemente recoñecibles. En troques de as pintar, semella que Antonio toca as figuras. Coma se os seus dedos fosen o ar que as ondula. Pintar o ar arredor das formas. Dicíao Monet. Quero pintar o ar no cal se atopa a ponte, a casa, o barco. É a modelaxe coa que Antonio lle dá o carácter aos seus óleos, acuarelas, pasteis, gravados, carbóns, debuxos. Estabamos falando diso, da modelaxe, da forma; tamén das posibilidades da cor plana, cando foi el e sacou dun recanto do taller un cartafol de artista. Aquí teño o vindeiro proxecto. Abriuno. Ao primeiro un ocre, despois unha colaxe amarela, vermella, verde, polícroma, seguida de imaxes coma saídas dun curro dos soños, os tempos, as eternidades. Axugar nunha idea as orixes da nosa arte coa plástica actual. Podería ser iso, unha mestura, unha hibridación, mais quedei pampo. Diante de min unha serie fascinante de variacións sobre a mesma peza.

O tema icónico pasado polas linguaxes da nosa plástica. Non podo dicir máis. Estáballe a adiantar que vai ser unha gran sorpresa, que vai causar sensación, cando a nena da praia, dende a outra esquina, volveu reclamar para si a súa parte da presenza, ollando para o seu mar inconcreto, próximo e inmenso, si, coma dicindo que o secreto desa vindeira obra está nesa ollada: mergullar a visi ón no misterio do ar e da pedra que é o cotaño mitolóxico galego, a maxia das súas formas, e que deixo acó medio coma adiviña porque estou certo de que tamén polo intre da revelación ficarán vostedes igual de admirados.

Esta entrada foi publicada en Antonio Piñeiro, Artes plásticas e escultura. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>