A voz do progreso

O Andel. De_Maria_Vinyals_a_Maria_LluriaRomán Arén. Aurora Marco, en colaboración con Mª Ángela Comesaña, pon agora o ramo a unha investigación que xa comezara en 1993, no libro pioneiro As precursoras, sobre a figura de María Vinyals y Ferrés, a marquesa de Ayerbe, nacida en 1875 en Soutomaior e que coñeciamos como historiadora polo seu libro El castillo del marqués de Mos en Sotomayor. Apuntes históricos (1904), de quen agora se nos dan a coñecer novos aspectos: o xornalismo, a novela (Rebelión, 1905), a tradución. Unha muller que foi da aristocracia á liberdade, o feminismo e o progreso. Casa en segundas nupcias co urólogo cubano Enrique Lluria, colaborará en xornais tan importantes como El Imparcial, Galicia, Blanco y Negro e moitos outros, sempre en defensa das mulleres e das ideas progresistas. En 1906 foi nomeada académica correspondente da Real Academia Galega. Esta muller emancipada, socialista e intelectual deixa, con todo, no misterio a data da súa morte, que parece que ocorreu en París na Segunda Guerra Mundial.

Biografía exhaustiva, estudo detallado da súa obra, baseada nunha investigación demorada e apoiada nunha bibliografía moi ampla, foi complementada por unha exposición que se puido ver en Pontevedra nos meses finais de 2017. Nos anexos mesmo se estudan os retratos da marquesa de Ayerbe realizados por José Garnelo Alda (1866-1944) e Joaquín Sorolla (1863-1923). Unha figura feminina máis rescatada das sombras polo labor de Aurora Marco.

MARCO, Aurora / COMESAÑA, Mª Ángela

De María Vinyals a María Lluria. Escritora, feminista e activista social

Pontevedra, Museo de Pontevedra, 2017, 280 pp.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *