De retiros e cenorias

CONEJOZANAHORIAAntón Riveiro Coello. E chegou a cenoria. Veremos se isto frea as demandas dos xubilados que lle colleron o pulso ao goberno. Moitos dos meus mellores amigos xa están retirados e, mentres eles reclaman con razón unha suba, outros facemos cálculos de futuro porque as previsións de aquí a unha ducia de anos non son optimistas. Esta visión de catástrofe xa a vivín hai vinte anos cando o conserxe dun instituto no que eu traballaba non deixaba de se laiar do mal que estaban as cousas de cara á súa xubilación. O curioso é que el non fundamentaba as súas queixas na inversión da pirámide senón nas viaxes do INSERSO que, segundo el, eran unha tolería. Unha e outra vez púñase nas nubes por ese gasto innecesario. Nin que dicir ten que este home non tiña alá moitos amigos.

Como son escritor, é dicir, un curioso profesional, non hai moito preguntei por este home e souben que agora goza da súa xubilación e seica non perde unha excursión subvencionada. Non preciso de moita imaxinación para o ver protestando nos autobuses e mesmo na cabeceira das manifestacións. Encantaríame sentar ao seu carón para lle lembrar algunha das súas sentencias insolidarias.Pensiones-Non-hai-cartos Seguro que alegaría que el non fixera ben o cálculo e agoiraríame os problemas para min. E talvez tivese razón. O que nunca lle perdoarei é ese desprezo que amosaba diante de xeracións que o precederan e que merecían máis ca el unha boa xubilación. Eu non teño présa polo retiro, como tampouco a tiña unha mestra á que, por un erro administrativo, lle puxeran un ano de máis na Consellería. O gran Pepe Agrelo, que daquela era o seu director, animábaa a que non dixese nada porque, así, adiantaba o retiro. E ela, toda chea de razón, rexeitaba esa proposta porque dese xeito ela tamén morrería un ano antes.

2 comentarios en “De retiros e cenorias

  1. Grazas, Magdalena, por esa chiscadela literaria. O avó Mauro sempre alenta as miñas palabras. Seguiremos. Bicos

  2. Non, querido Antón, non teñas presa polo retiro, que chega antes do que nós pensamos. Ainda tes por diante moitos anos para seguir cá tua deliciosa escrita, e que nós podamos ser partícipes de outros tantos, para poder felicitarche polos vindeiros galardóns.
    Seguro que o avó Mauro, “ese espazo de recreo” estará chascando os dedos coma se quixese beliscar o aire para mandarche con ese xesto, o seu agarimo.
    Felicitacións e bicos desde Palmeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *