Benditos temporais

Foto: Alberto Aja
Foto: Alberto Aja

X. Ricardo Losada. Din os periodistas que se un can morde a unha persoa non é noticia, a noticia é que unha persoa morda a un can. Entón, como é posible que o mes pasado La Voz de Galicia publicase en portada: «Galicia agarda unha semana de sol tras tres meses de chuvia», como se chover en Galicia no inverno fose unha gran noticia? Só hai unha explicación. Hoxe os galegos renegamos da chuvia. De feito, hai uns anos os meteorólogos prognosticáronnos un clima mediterráneo e, nun país que se gaba de ter mil ríos, ninguén se manifestou esixindo medidas para evitalo. Nin sequera os nacionalistas. Iso que nun clima como o de Benidorm o emblemático dito de Castelao «mexan por nós e temos que dicir que chove», perdería todo sentido épico.

Nunca houbo tantos temporais como este ano, é certo, pero iso non xustifica tal aversión pluviométrica. Tendo en conta, ademais, que a causa non é meteorolóxica, senón lingüística. Como din algúns filósofos, o nome determina a esencia da cousa. Cando Leonardo da Vinci inventou a palabra submarino, non existía ningún, pero cando se inventou o primeiro, non lle quedou outra que navegar por debaixo do mar, como esixe o seu nome. É algo que tamén saben os pais galegos. Renegando de nomes como Xan ou Maruxa e póndolles Jonathan ou Jennifer aos fillos, garanten que nazan co inglés aprendido e traballen nunha multinacional informática. Probade. Se a un tipo con fama de lelo lle chamades masa encefálica, como lle dicían a Ortega e Gasset, sáelle cara de sabio.

Foto: Cabalar
Foto: Cabalar

Pasa o mesmo cos fenómenos meteorolóxicos. Se a un deles lle chamas temporal, pois é temporal, non permanente. Agora se a ese mesmo fenómeno lle chamas cicloxénese, pois volve unha vez e outra (ciclo) a comezar (xénese). É como se vas a Outeiro e te sorprendes de que non haxa neve permanente. A palabra Outeiro esíxelle á realidade Outeiro que non neve. Se ademais a cicloxénese lle engades explosiva, non vai ser menos que a dinamita. A un temporal, para obedecer o seu nome, chégalle con facer marchar a luz e zoar o vento. Unha cicloxénese explosiva ten que deixar cadáveres e peiraos desfeitos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *