Edipo / Hamlet: o saber

Edipo_foto_8Fidel Vidal. Lacan encontra unha diferenza entre Edipo e Hamlet: se Edipo mata o pai e casa coa nai sen vacilar é por non saber quen son eles; mentres Hamlet, pola contra, arengado polo fantasma do pai, sabe ben quen é. Ese saber do outro ten como efecto que o acto de Hamlet se dilate e postergue. Mentres na traxedia antiga o acto realízase porque non se sabe, na traxedia moderna o saber interfire na execución do mesmo.

No fondo latexa o recordo infantil do desexo edípico pola nai, do asasinato do pai e, polo tanto, Hamlet sería en certo modo cómplice do seu actual posuidor. E non poderá arremeter contra el sen arremeter contra si mesmo. Estas frases de orixe freudiana pasadas polo verbo lacaniano, apostan pola sentencia inxusta do fillo como culpable de asasinato. Se Lacan nos manda ler a Freud, este, implicitamente, aconséllanos un retorno a Sófocles.

Sabemos que Edipo é vítima do pai, de Laio, en conivencia coa esposa, a súa nai Iocasta. Eles saben quen é o seu fillo, e son os que lle procuran un destino: a morte. Dese xeito, os pais aseguran salvarse da morte a mans do fillo. E conségueno porque, segundo o seu mandato, Edipo está morto. Laio non só procura evitar a morte a mans do fillo –unha criatura indefensa- senón, sinxelamente, non morrer: ser inmortal. Vivir alén non só do seu pai senón do seu fillo. O asasino é o pai.

420px-Cabanel_Oedipus_Separating_from_JocastaO fillo, de regreso, para non matar o pai, foxe e deféndese. Cada fillo, cada pai, fillo doutro fillo, procura a liberdade desde a palabra que resolve o enigma para retornar á orixe. Á raíz liberada do pai castrador e asasino, á nai, á terra onde é posible vivir felizmente na prosperidade. Unha ignorancia localizada non é algo puramente negativo, non é outra cousa que a presentificación do inconsciente (Lacan). Isto confire a Hamlet a súa forza e a súa transcendencia. A que ignorancia nos referimos? Á do saber que se sabe e non se sabe, da que só se sabe o lugar onde reside: o inconsciente. “Xa que o sabes, voucho dicir” (Castelao).

Que distingue a posición de Hamlet con respecto do ramal fundamental de Edipo? Saber ou non saber. Saber e [é] saber do Outro, en Hamlet, ou o saber que non se sabe en Edipo. Porén Edipo non se andaba con tantos melindres, segundo observa Freud. Se Edipo non vacila trinta e seis veces ante o seu acto, é porque o executa sen pensalo, sen saber. A Hamlet asáltalle a nova de que todo aquilo que se lle antollaba proba da beleza e da verdade, é completamente falso.

Lacan sinala un punto salientable onde todas as interpretacións coinciden: o enigma de Hamlet está no aprazamento do acto de vingar o pai. Hamlet é chamado polo espectro do pai a vingar a súa morte. E isto que se debe realizar non deixa de non se efectuar. O drama é o percorrido desta tardanza. O eixo arredor do que xira a obra é un baleiro que enmarca a non-realización dun acto.

2 comentarios en “Edipo / Hamlet: o saber

  1. Querido Fidel: Seguramente diré una tontería pero, cada vez que leo la semejanza que hay entre Edipo y Hamlet, pienso también en Segismundo, el protagonista de “La vida es sueño”. El “oráculo de Delfos” de Segismundo, fueron los astrólogos que, el día de su nacimiento predijeron también, que mataría a su padre y así fue. La gran diferencia es, que en la obra de don Pedro, no hay incesto, pero sí, un mensaje sobre la libertad del ser humano.
    “Xa que o sabes, voucho dicir” Me hizo mucha gracia esta frase de Castelao.
    “Eran palabras absurdas y locas. Eran una de tantas cosas no razonables y maravillosas…” Vicky Braum.

    ESE BELLO SOL LE BESE.

    Y hoy, con sol, besiños palmeiráns, Fidel.

    1. Moitas grazas, miña atenta Magdalena pola túa aportación sempre interesante.
      O coitado de Edipo matou o pai fuxindo desa posibilidade. Por non saber a verdade que había detrás do anunciado polo Oráculo. A veces é perigoso saber. Saber que foi o pai quen condenou a morte ao seu fillo. No fondo latexa o desexo de que se cumpla a lei biolóxica de que vaian diante os pais antes que os fillos. Mais a realidade é a que é, en especial a “humana”.
      O DIA CAIDO
      Saúde e cantos de alegría primaveral.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *