Rosana Calvo. Gravadora noiesa

BY25C4F3_205758Eme Cartea. O gravado é coma o sexo: non é só reprodución (Like sex, printmaking is not solely about reproduction).  Abordamos hoxe unha obra da xa recoñecida gravadora noiesa Rosana Calvo, que podemos contemplar, xunto coa obra doutras grandes dez artistas do Barbanza, na exposición que a Fundación á Estampa Dixital de Artes organizou en torno ao libro de Daniel Rodríguez Castelao Alba de Groria, que contén a súa famosa peza oratoria pronunciada en Bos Aires o 25 de xullo de 1948.

Nace, pois, este evento, dunha paixón compartida que anoa palabra e imaxe, sensibilidade e compromiso, tradición e futuro. E se a ecfrase é a representación verbal dunha obra de arte visual, neste caso temos o contrario: un texto verbal transcrito en arte visual. Ilustración libre pero causal na que Rosana sabe reflectir con mestría esa «muiñeira de campás repinicada nas torres do Obradoiro» ou ese «badaleo rítmico» que anuncia «unha festa étnica, filla talvez dun culto panteísta anterior ao cristianismo».

Teño moi presente o curso de gravado recentemente impartido por Rosana e Nacho no Museo de Artes. Magnífico e esclarecedor. Alí aprendín algo do moito que sabiades e a devoción coa que nolo transmitiades. A calcografía ou técnica indirecta de gravado calcográfico, á augatinta e á augaforte, foi un dos temas de iniciación, á procura da estampación dunha imaxe que busca o ton acuarelado da mediatinta; unha técnica que se atribúe a Jean-Baptiste le Prince, a mediados do s. XVIII e que, evolucionada, abraza o futuro.

Sabia e precisa proporción

Nel fomos conscientes de que a sabia e precisa proporción e combinación dos elementos vai propiciar condicionar o produto final: a preparación da prancha, o granulado, os ácidos ou mordentes, o secado, o tempo, o debuxo, as tinturas, os tons (planos ou modulados) e logo a coidada estampación. Método difícil de controlar que adoita acompañarse da técnica da augaforte e da punta seca, pero que Rosana Calvo executa con absoluta abnegación e mestría, emulando os grandes referentes da tradición: Durero, Piranesi, Goya, Picasso, Max Ernst, Hopper…

Moi dela son esas zonas de intensidade tonal propias da augatinta, así coma do meditado manexo da sucesión de reservas e mordidos que van conformando as figuras, punzadas no abrente desta estampa auroral.

Cando o gravado devén espida paixón como en Rosana, convértese mesmo en arteterapia e ferramenta afectiva e efectiva ou, polo menos, coadxuvante para a resolución dos conflitos cotiáns que nos asedian, clínicos, educativos, psicosociais. Rosana Calvo cre na enerxía cósmica e vital, esa «enerxía colectiva que nunca perece», como nos di Castelao.

Grazas, Rosana, por esta «leda algarabía de campás», celtas e laicas, nas marxes poéticas dunha «alborada de groria».

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *