A noite do corvo, de Abel Tomé

A-noite-do-corvoXerardo AgraFoxo. Tal como comeza a obra semella que estamos diante doutra novela do xénero negro. Pero todo cambia de sentido cando comprobamos que detrás dunha historia violenta, a morte de catro persoas dunha mesma familia na Casa do Faro de Gothard (“esa maldita illa afastada, non podía ser noutro sitio”), comeza unha pescuda onde o detective Gonçalves (“ atravesar a longa ponte ata a illa xa me daba arrepíos”) intenta indagar as causas destas arrepiantes mortes nun lugar, Beth, onde moran dúas familias encontradas (“Os Faol e os Cárthaig podrecían de diñeiro e o resto de Gothard morría de fame”) que controlan todos os fíos do poder.

Deste xeito, A noite dos corvo (“o presaxio da morte”), de Abel Tomé (Outes, 1984), convértese nunha novela onde destaca, amais do estilo no emprego dunha lingua moi acaída coa temática, a descrición dunha atmosfera ateigada de supersticións medievais e o trazo duns personaxes, incluído o tenente Gonçalves e os seus curiosos axudantes que, cos seus riscos e crenzas de raíces escandinavas, converten a esta obra nunha magnífica opera prima. Esperamos con impaciencia a seguinte. Talvez, na mesma illa de Gothard?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *