A mesa de Lito

paris-de-noia-2-CopiarAntón Riveiro Coello. Cando eu estaba piques de encetar a maioría de idade xunteime con outros tres amigos para formarmos un grupo de rock e fomos dende A Limia a Compostela mercar un equipo de son nunha tenda que había na rúa do Preguntoiro. O máis caro daquel equipo foi unha mesa Acoustic de segunda man que nos custou medio millón de pesetas, unha fortuna daquela, e que aínda levaba un adhesivo co nome do seu anterior propietario: París de Noia. Os nosos pais, que secundaron a nosa ilusión e nos avalaron, recibiron de nós a promesa de lles reintegrarmos, á volta do verán, os cartos que nos deixaban. Estabamos convencidos de que para iso só precisariamos media ducia de actuacións. Lembro a ilusión daquela volta a Xinzo nun Land Rover ateigado de instrumentos e unha marfallada de cables.

Todos os membros do grupo pertenciamos a unha xeración de verbenas e, aínda que tivemos a oportunidade de tocar ao aire libre, nós queriamos mudar, cando menos localmente, o concepto de actuación e facelo en locais pechados que se adaptaban máis ao noso tipo de música e, sobre todo, á pouca potencia do equipo, por moi boa que fose aquela mesa de son. Era a primeiros dos oitenta e, como o IVE aínda non existía, pagábase en man no remate da noite, sen intermediarios nin listos que apañasen parte dos cartos. Os músicos recibiamos directamente do dono do local o contratado ou unha parte da recadación. Co tempo, as cousas mudaron, e agora que leo a noticia da condena a Lito, o rei das orquestras, non deixo de cavilar se daquela, cando mercamos esa mesa de son tan cara, non sería el o que xa estaba detrás poñéndolles prezo aos nosos soños. Se foi así, síntoo polos nosos pais, que aínda están a agardar polo reintegro dos cartos.

Esta entrada foi publicada en Antón Riveiro, Ensaio, Música, Narrativa. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>