Nova Nursia, de Héctor Cajaraville

nova nursiaXerardo AgraFoxo. Despois da excelente e divertida De remate (Premio Xerais, 2015), onde este autor presentaba unha trama en que mesturaba a realidade galega actual coa crítica máis acerba dalgúns comportamentos políticos, agora nos chega unha obra ben distinta. En Nova Nursia (2018),  retrata a epopea de Frei Rosendo Salvado, o crego de Tui que a mediados do século XIX se embarcou no proxecto de dignificar, a través da misión católica de Nova Nursia, a vida dos aborixes australianos que vivían como “salvaxes” no mato daquel inmenso país. Esta historia que nos narra Héctor  Cajaraville divídese en 21 capítulos, onde un relator omnisciente conta a vida deste bispo galego, pero o libro ten ademais vinte Cartas enviadas por Rosendo Salvado ao seu amigo da infancia Domingo Pires, un explicativo Epílogo e un interesante Posfacio.

A novela, alicerzada a partir dunha laboriosa tarefa de documentación, resulta unha excelente oportunidade para coñecer a vida e a obra deste personaxe histórico. Un home que ademais dalgún monumento e algunha rúa bautizada co seu nome en Galicia, aquí sempre é “recordada” por traer nunha das súas viaxes unhas sementes de eucalipto. Nova Nursia destaca –sobre todo– pola maneira coa que o autor, a partir dunhas habelenciosas licencias literarias, reconstrúe a inxente labor feita por este home, as súas longas viaxes para darlle sentido a súa misión evanxélica e a sensibilidade coa que trata os aborixes australianos, un pobo sempre na loita pola súa supervivencia.  Sen dúbida, unha obra moi recomendable!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>