Galicia e os galegos na poesía castelá CV. Unha poeta venezolana: Enriqueta Terán

fotonoticia_20171219213530_640Román Arén. Que pouco sabemos da literatura venezolana os lectores comúns. Se nos sacan dun vago recordo de Rufino Blanco Fombona e de Las lanzas coloradas de A. Uslar-Pietri, pouco máis sabemos; o que vén amosar que escribir nunha lingua de centos de millóns de usuarios non garante maior difusión. Lendo unha das boas biografías que a literatura galega ten xa, Vivir, unha aventura irrepetíbel (2011) de Mercedes Queixas Zas, a protagonista, Mª do Carme Kruckenberg, recentemente falecida, lembra, entre as súas amizades americanas, a poeta venezolana Ana Enriqueta Terán (Valera, 1918) e o poema que dedicara a Rosalía de Castro, por desgraza incompleto, e así o reproduzo:

Rosalía caída y levantada,/de mirto a mirto y de laurel fecundo/hasta la llama viva de Teresa./Rosalía umbral de la belleza,/Rosalía de llanto por el mundo/y delirio sin fin por mi cabeza.

Tamén á poeta viguesa lle dedicou un poema, do que anota só o comezo:

Y no mirarte y no verte/por girasoles eternos/con rostros en los narcisos te miro/pero no vuelvo.

Ana Enriqueta Terán comezou a súa andaina de poeta nunha liña neoclásica con libros como Al norte de la sangre (1946), Presencia terrena (1949) e Verdor secreto (1949) para logo publicar Testimonio (1954) e acercarse ao verso libre e ao poema en prosa con Libro de los oficios (1975) e Música con pie de salmo (1985). Outras obras súas son De bosque a bosque (1970) e Casa de hablas (1991).

E xa que citamos a Rufino Blanco Fombona (1874-1944), o máis cosmopolita dos autores venezolanos, que mesmo escribiu en francés, cómpre anotar que coñeceu Galicia e recolleu as impresións do noso país en Por los caminos del mundo (1926): “¡Qué país tan encantador el país gallego! Y del país, el paisaje… Va uno como entre églogas de Virgilio, admirando idilios de Teócrito”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *