Novos gravados rupestres en Abuín

Unha rocha ten un círculo pechado e sendas depresións de 2 a 3 centímetros de fondo

Unha rocha ten un círculo pechado e sendas depresións de 2 a 3 centímetros de fondo

Julián Bustelo Abuín/Víctor Barbeito Pose. No lugar de Abuín, parroquia de Santa María de Leiro, no termo municipal de Rianxo, veñen de acharse novos gravados rupestres, dos cales tivemos coñecemento grazas ao alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños. Os gravados atópanse en dúas lousas independentes que actualmente forman parte dun balado que pecha unha finca de dimensións considerables. As rochas atópanse na base do citado muro, no extremo sur da finca, lindando cun camiño que da acceso a unhas vivendas de recente construción. As pedras son ambas de granito e áchanse a unha distancia duns cinco metros unha da outra (coordenadas en ETRS89, fuso 29N; x: 517648; y: 4721389; z: 103).

Nunha das rochas, cunha forma próxima ao rectángulo, están gravados dous círculos concéntricos abertos na parte inferior, un deles mide uns 38,5 e o outro 31,5 centímetros de diámetro, e albergan no seu interior unha pequena coviña lixeiramente desprazada cara á parte superior, e que, á súa vez, está delimitada por un pequeno círculo, e radiada. Radio que se dirixe cara á parte inferior saíndo pola apertura dos círculos. Nesta parte inferior, e no límite visible da rocha, o círculo exterior dobra e converte o remate nun pequeno cadrado, facendo un xogo curioso cunhas fendas naturais da rocha, semellando os cuartos traseiros, ventre e lombo dun cuadrúpede que se introduce no círculo.

Na outra rocha, cunha forma fusiforme chantada de maneira vertical, cunhas dimensións de 89×93 centímetros, destaca a presenza dun círculo na parte superior dereita -neste caso pechado-, duns 15 centímetros de diámetro, así como sendas depresións de entre dous e tres centímetros de fondo, de forma rectangular, con esquinas redondeadas, situadas na parte inferior esquerda da rocha, e que non están enteiras; poderían ser morteiros ou piletas, ou mesmo, sendo máis arriscados, podería tratarse dun par de pés.

Este conxunto de novos gravados veñen sumarse ós xa coñecidos da zona rianxeira, zona prolixa neste tipo de representacións artísticas, que dende que comezaron a agromar alá en 1980 cando os profesores Francisco Calo Lourido e Xosé Manuel González Reboredo deron a coñecer a Foxa vella, non pararon de abrollar, constituíndo un punto de inflexión o traballo levado a cabo a principios dos anos noventa polos mestres Xoán Andrés Fernández Castro, Pedro Piñeiro Hermida e Ramón Ces Castaño.

Un destes mestres posteriormente será alcalde en Rianxo durante varias lexislaturas, dándose a casualidade de que os dous últimos rexedores rianxeiros teñen contribuído de primeira man a incrementar un patrimonio tan singular coma a arte rupestre nos dominios nos que exercen a súa presidencia.

Amén desta curiosidade, o traballo levado a cabo polos tres mestres supuxo un enorme estímulo para que os responsables autonómicos do momento fixasen a súa atención no feudo rianxeiro, sucedéndose diversos traballos a partir daquel intre; e, como consecuencia, hoxe coñecemos algúns dos exemplares máis fermosos de terras barbanzás, como son os petróglifos dos Mouchos, que fan abrollar sentimentos como a emoción ou a admiración polos nosos devanceiros, e son testemuñas dun tempo no que se fraguou un dos nosos sinais de identidade como pobo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>