Galicia e os galegos na poesía castelá CVII. Pedro de Padilla

labrador 001Román Arén. Non se selecciona moito a Pedro de Padilla nas antoloxías, pero o mapa da poesía áurea castelá estaría incompleto sen el, porque foi versificador de amplo rexistro, bo sonetista e que cultivou case todos os subxéneros, sacros e profanos. Nacera en Minares, Xaén, en 1550 ou quizais en 1549, e en 1585 profesou como carmelita calzado. Debeu morrer arredor de 1600 en Madrid. Cervantes, no famoso capítulo do escrutinio no Quixote salvou o seu Thesoro de varias poesías (1580) da queima, aínda que poñendo algunha pexa. A obra, con 360 poemas, tivo unha segunda edición en 1587, ordenada por xéneros. En 1582 publica Segunda Parte de las poesías de Pedro de Padilla en Églogas Pastoriles con algunos sonetos al cabo, en 1583 o seu Romancero, en 1585 o Jardín espiritual e en 1587 as Grandezas y excelencias de la Virgen Nuestra Señora, en octava rima.

Do Thesoro de varias poesías (1580) escollo unha alusión xacobea, contida no “Romance del valerosísimo cavallero Don Fadrique Enríquez, segundo deste nombre y quarto almirante de Castilla”:

Y dándoles aquel día/ victorioso Santiago,/ de la razón que tenía/ a su gran valor ayudado,/ a muchos traydores quita/ la vida y el nuevo mando,/ enfrenando el alboroto/ común, cruel y tirano.

cancionero-padillaO “alboroto” foi o das Comunidades contra Carlos V, que deixara a Fadrique Enríquez como rexente ao marchar a Flandes. Non manexo a edición princeps, senón a que José Y. Labrador Harraiz e Ralph A. DiFranco publicaron en Guadalaxara en 2008. O poema foi tamén editado en México na Antoloxía del Romancero de Pedro de Padilla,  preparada por Fredo Arias de la Canal.

Non está de máis lembrar que Padilla glosou, como era normal na época, poemas doutros autores e no Thesoro publica a que fixo á Troba de Luis de Camoes a “una dama gallega”.

Para quen teña curiosidade nas palabras de Cervantes sobre Padilla no capítulo VI do Quixote, cítoas: “Este grande que aquí viene se intitula -dijo el barbero- Tesoro de varias poesías. -Como ellas no fueran tantas-dijo el cura-, fueran más estimadas; menester es que este libro se escarde y limpie de algunas bajezas que entre sus grandezas tiene. Guárdese, porque su autor es amigo mío, y por respeto de otras más heroicas y levantadas obras que ha escrito” (Don Quijote de la Mancha, Madrid, Cátedra, 2015, edición de John Jay Allen).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *