E como se chama o meniño?

post_nombres-bebesMarina Losada Vicente. O home di que ás mulleres lles chove. Sendo así, como unhas persoas se mollan e outras non? De poder ter un “modernómetro”, como lle chama a filla, non sería quen de predicir a que nivel chegaría ela. O home non pasaría do menos un, como lle din no hospital ás plantas soterradas, que ese segue como cando nin luz tiñan, capaz de botar un esputo no medio do cuarto. A súa casa é moderna, coma sempre, ou non manda ela en todo? A comida, a limpeza, a roupa… Na tele manda el, pero tendo a súa na cociña…

De casa chea pasou a casa de parella; non parella de feito, como ás dos netos, non, de parella católica, apostólica e para sempre. Fixo piña co home, acomodo; onde xa non quedaba amor, cariño si, naceu a necesidade mutua. Basta que alguén o ataque, como antes facía ela, para saír como a loba a defendelo, que para iso é o único que lle queda.

O día que marchou o último fillo chorou. Agora lamenta cando veñen comer nas festas. Xenros e noras, netas con piercing e con tatuaxes á vista de todos e de todas -vaia moda esta a de todos e todas!-. A súa mesa parece unha feira! Comidas veganas contra orgánicas; guerras de chuches si e de chuches non; ensino público ou privado? Sentan á mesa animalistas! Nin as vacinas son do gusto de todos! Ni de todas! Que tempos! E a rapazada non sabe falar máis que de novas tecnoloxías?

tupper-640x370Failles de comer con amor, pero sempre hai quen lle di que malgasta aceite; que nin a sobremesa miran, e iso que mercou un libro mester! Que se compra un lavalouzas, que se unha cafeteira de cápsulas… adiantos moitos, pero se ela non pon a mesa, nin mesa hai. Con todo, os que a rebentan son os de “nin fu nin fa”. Todo está ben, pero xamais do seu xeito, que nin se arriman, non sexa que o cheiro de cociñar se lles apegue. Claro que se sobra… sempre hai quen encha un taper deses!

Hai que ser moderna sen pasarse, como se fai agora cos nomes, por exemplo. Ter que apuntar nun papel o nome do bisneto para llo dicir ás amigas! Que a muller saia soa de noite, sen necesidade, que non é para traballar… e por riba véndoselle o embigo… As camas sen facer, todo polo chan, que cando visita o neto non ten nin onde sentar o seu cu, que o do can si ten acomodo, nos días da miña vida! Ter cans no sitio de meniños! Será por non bautizalos?

Diante de tanta tolemia, deixa o home á sombra dun concurso e acércase ao adro da igrexa, á hora a que o facía súa nai a quen tanto acorda. Baixa pola corredoira ata o centro social, están en clase de taichi, e dille a Pepa, a súa compañeira de ioga e coordinadora do club de internautas, que saque o rummikupe, antes de que chegue o Yannick, para darlles zumba.

3 comentarios en “E como se chama o meniño?

  1. El nombre Columba me parece precioso. Desconocía que esa santa fuese la patrona de Rianxo, siempre pensé que era la virgen de Guadalupe. El refrán de “Nunca te acostarás sin saber una cosa más” en mi caso es real, con vosotros aprendo muchas cosas.
    Gracias, Marina y un abrazo para Columba, dile que puede sentirse orgullosa del nombre que le eligió su madre.
    Biquiños.

  2. Bos días, Magdalena: Á miña filla púxenlle -eu- Columba por santa Columba, a patroa de Rianxo; a imaxe da santa é a dunha muller da rúa, peiteada en dúas trenzas que se xuntan , sen adornos nin grandes mantos. Eso e tamén o feito de que a virxe de Guadalupe sexa a de maiores festas, propiciou que desde nena gustase do nome. A miña filla, como a túa, xamais mo vai perdoar. Non hai outra en todo Rianxo, nin se espera. Ao meu neto púxolle Antón, precisamente por que hai moitos. Xa ves que preto estamos unha da outra. Bicos.

  3. Buenos días, querida Marina:
    Es un lujazo encontrase por la mañana con artículos tan realistas y buenos como los tuyos; porque éstos, si que son datos objetivos, no interpretativos, que no dejan lugar a réplicas.
    Sobre los nombres te diré que tengo un problema gordo. Mi hija se llama Antonia – ella me dice siempre que jamás me lo perdonará- y no se lo puse por ser un nombre recurrente en la familia, en ella no hay nadie que se llame Antonia. El motivo fue otro, tú como no eres creyente mejor lo obvio. Desde pequeñita le llamamos Toña, luego pasó a llamarse Antia, y ahora ya la llaman Annia, rescatando las dos letras del principio de Antonia y las tres letras del final del nombre.
    Y referente a lo de las comidas familiares, aquí ya mejor no digo nada, porque si no…
    A veces pienso que es una gran cosa haber aprendido de mi madre la dignidad de la apostura.
    Besiños palmeiráns, apreciada Marina.
    P.D Mi bisabuela se llamaba como tú. Mi abuelo materno con el que viví era conocido por, Enrique o Marino.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *