Díaz Baliño, dous irmáns artistas

camiloPilar Sampedro. Neste último mes asistimos a un par de exposicións nas que descubrimos  os irmáns Díaz Baliño: Camilo e Lolita. Camilo compartía espazo co seu fillo, Isaac Díaz Pardo, nos salóns de Fonseca na mostra Con Galiza sempre no horizonte. Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela, comisariada por Xosé Ramón Fandiño e Gloria López. Alí, cóntase que Camilo se despraza a Compostela para encargarse do taller de escenografía e deseño da empresa de espectáculos Fraga, foi delineante do concello, deseñou as capas dos libros para a colección Lar (publicados na editorial do seu amigo e compañeiro das Irmandades da Fala e Partido Galeguista, Ánxel Casal), os carteis das festas e os que publicitaban o “si” ao Estatuto; foi pintor como se demostra nos cadros de gran formato nos que se representan simbolicamente cidades de Galicia, que hoxe gardan Cantigas e Agarimos, ou debuxante de gran valía como pode verse a través dos retratos de compañeiros da cadea realizados poucos días antes de ser asasinado nos comezos do golpe militar de 1936.

Lolita Díaz Baliño preséntasenos na exposición que pode verse no Auditorio de Galicia, xustamente na sala que recibe o nome do seu sobriño, Isaac Díaz Pardo. Na mostra: Territorios de intimidade. Artistas galegas baixo o franquismo 1940-1975, comisariada por Rosario Sarmiento, comparte espazo con outras artistas galegas. Dela dise expresamente que inicia os seus estudos artísticos xunto ao seu irmán; en 1929 recibe unha bolsa da Deputación da Coruña para ampliar estudos en Madrid e, en 1934, convértese nunha das fundadoras da Asociación de Artistas da Coruña. Foi profesora de debuxo na Escola de Artes e Oficios e no Instituto Feminino, e tamén imparte clases particulares no seu estudio onde se formaron outras mulleres artistas como María Antonia Dans, Gloria de Llano ou Elena Fernández Gago.lolita Foi nomeada membro de número da Real Academia de Belas Artes en 1938 sendo con Carmen Corredoyra as primeiras mulleres que forman parte desta institución. Participa na Exposición Nacional de Barcelona en 1942 e na Internacional de Belas Artes en 1960. Recóllese, tamén, que foi “unha excelente debuxante, de trazo firme e elegante”, e recoñecida acuarelista. Ten colaborado con publicacións como Céltiga, Galicia Gráfica ou La Voz de Galicia. Foron moi recoñecidas, entre as súas obras, o Tríptico de Galicia ou as Hadas del caracol.

Dous irmáns artistas, el coa vida cortada en plena mocidade, ela coas ás recortadas, pois tal como se cita ao contextualizar a exposición “O franquismo supuxo para as mulleres a anulación das conquistas que a favor da igualdade de sexos se alcanzaran durante a II República (…) Neste escenario onde a muller, sobre todo nas primeiras décadas de posguerra, queda practicamente relegada da esfera pública, poucas posibilidades existían de poder desenvolver unha carreira como creadora plástica. Os prexuízos sociais ou as dificultades para acceder a unha formación académica fan moi difícil practicar unha profesión só entendida se respondía ás demandas da arte máis conservadora ou, por suposto, á esfera da docencia onde moitas mulleres creadoras centraron o seu talento”.

Dous irmáns artistas que nos mostran unha Galicia de referencia, aquela que puido dar froitos de moito máis valor… se non pasara o que pasou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *