Balada saudada

832934Xosé Manuel Lobato. Ritmo dos sons da infancia, inestables naqueles tempos de crianza en formación logran acadar co paso do tempo un pouso de grande reserva, sempre nesa memoria a longo prazo que todo ser humano posúe.

Curioso e digno de eloxio, mesmo emoción, observar o navegar atinado de persoas maiores nas lembranzas daquelas experiencias da nenez.

O suceso avanza fiable, mesmo amparado por un algoritmo exponencial cando as vivencias son ou están directamente relacionadas co medio natural ou xorden das súas entrañas.

Estamos ante o bambear dunha fábula cando todos eses estímulos que nos achega a nai natura, incontables e diversos, logran avivar e alentar a vontade para lograr unha relación fluída con ese universo que só acadamos en soños.

Nesas experiencias de escasa madureza, de crianza, lembro o son da noitebra acompañado do axexo profundo, na imaxe o emisor nocturno, posuía fama de agoiro e segundo os meus maiores, anticipaba todo tipo de fatalidades.

Porén, coa idade todos nos decatamos que os desastres chegan e suceden aínda que non se anuncien, mesmo non necesitan de pregoeiro.

Cando se olla de fronte sen prexuízos, hai un pequeno lugar que amosa unha postal de auténtica beleza. Alí está a parroquia de Órrea e dous lugares desta, onde o encanto feiticeiro da bóveda celeste estrelada, posúe identidade de seu.

Entre Órrea e a Travesa, nese fío invisible, o imaxinario axexa e ameniza toda noite velada, protagonista o real ser da foresta e das tebras.

Escoitar fóra do lar os seus sons penetrantes, foi un agasallo sen par, unha ilusión que alzou o aloumiño da felicidade da inocente nenez. Namentres a cea sen candelas na eira da casa, era aliñada polo ar puro que alentaba o pracer de compartir con esas amizades que non decepcionan.

No ambiente fresquiño da montaña, na brisa que aloumiñaba o murmurio sostido e agarimoso de Avelino Díaz, un poeta que abrolla espontáneo desa comunicación e canto enramado que une a Travesa con Órrea.

Balada nocturna que o propio Avelino escoitou na súa infancia e, aínda hoxe se sigue gozando. O neno adolescente que de mozo logrou con énfase cantar:

Velliñas e velliños,

se tedes inda

antigas recordanzas gardade a miña.

Terra que sempre lembro,

linda Galicia.

Versos dun grande que de neno escoitou e gozou coa balada saudada, desa curuxa que segue aferrada a unha terra que debe ser cantada, tamén polos moitos nenos e nenas de agora, aínda que nunca escoitaran a paixón coa que a curuxa aturuxa afinadiño na noite de Galicia.

Fai que Galicia

meu chan querido,

se vexa dona

dos seus destinos.

5 comentarios en “Balada saudada

  1. Moitas grazas Lobato por lembrar fóra da súa terra a Mariña lucense, o gran poeta Avelino Díaz, por a cuna de Manuel Antonio, Castelao, Rafael Dieste ….

  2. Grazas por cantarlle á Terra do noso poeta. Desde a asociación cultural que leva o seu nome, á cal teño a sorte de pertencer, non deixaremos tampouco de facelo.
    Os nenos de Meira van a un colexio público que leva o seu nome; en Riotorto a Casa de Cultura tamén; na Órrea temos a súa casa natal.
    No ano que logo comenza, seguiremos camiñando con e por Avelino.

  3. Moitas grazas, Magdalena

    Os teus comentarios sempre son un doce agarimo de enerxía positiva.

    Ventureiro 2019 para todos/as os que arrecenden este aromático Café.

    Apertas dende o cumio sacro de Galicia

  4. Buenos días, querido Lobato:
    Es un placer tan grande notar tu sensibilidad sin petulancia, más bien con esa timidez que todo lo ofrece, que el que te lee descubre la capacidad de “sentir por escrito” todo lo que nos regalas con tus textos.
    Gracias por tu regalo de navidad.
    Besiños palmeiráns. Felices Fiestas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *