Á deriva

a-la-derivaRomán Arén. Como lector sen orde que son, un mal lector pois, teño tendencia a ler a chumbos de gato, dun autor a outro, sen lóxica e sen orde. Intenteino, pero xa é tarde. O meu amigo Eme Cartea comentaba hai ben pouco neste Café Barbantia, a novela chave do Decadentismo: Do revés (A contrapelo) de Huysmans, autor que tanto admiro (e, se non lembro mal, admirado por Anxo Rei Ballesteros grazas a Alá embaixo). Rara mestura de monxe e perverso, foi con Mirbeau un dos anovadores da narrativa francesa de 1880 a 1910, partindo do naturalismo de Zola (hai que volver a Zola, sobre todo a “Unha páxina de amor”, tan admirada por Gide) para ir a un decadentismo e un misticismo (que influirá na Pardo Bazán de La quimera e no Galdós das derradeiras novelas), síntomas do grande malestar xa na modernidade que arrincaba de Baudelaire. huysmannMaupassant definía a personaxe desta novela, Jean Folantin, como un Ulises das tabernas, un flâneur aburrido á deriva, unha clara prefiguración do absurdo de Adamov e dalgúns textos de Valéry. Spleen+grotesco+humor+pesimismo: modernidade. Funcionario (¡!) de Interior, magnífico crítico de arte, poeta en prosa, católico heterodoxo, oblato bieito, morreu en 1907. A tradución é de Juan Díaz de Atauri. Huysmans foi, ademais, un gran xornalista, esta novela breve de 1882 dá unha imaxe acertada do seu talento, ese talento canso da fin de século, un “pesimismo práctico” según Gourmont, de grande modernidade, o “ennui”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *