Tres dirhams

tres dirhamsXerardo AgraFoxo. Uns obreiros estaban a arranxar a ponte. O dilema era complicado: esperar unhas horas ou atravesar as montañas. Despois dunha liorta, ela decidiu arriscarse. E descubriu unhas paraxes inéditas aos seus ollos: aldeas erguidas para vixiar as colleitas, pozos gorecidos do vento, celeiros colectivos e casas coas cores cos mesmos tons ocres da terra. El, embazado nas súas lentes escuras, só viu un territorio hostil.

Nunha das revoltas do camiño, descubriron unha fortaleza que rachaba coa estética da paisaxe. Pero non había mulleres cos panos na cabeza, nin cativos rebuldeiros. Cando viron millo dourado ao sol, aparcaron o coche nunha pendente do terreo, a carón dun profundo barranco. De repente apareceron tres rapazas. Acordaron un prezo e abriron as primeiras portas cun monllo de chaves. O home non quixo entrar, esperou impaciente no automóbil. A nena maior explicou que o pazo, ateigado de cicatrices, fora residencia dun gobernador ata que un rei llo confiscou. Ao rematar, ela quixo facerlles un agasallo. E as tres, cunha expresión digna, sentíronse agradecidas.

Dentro do coche el comezou a insultala. A súa muller déralle ás cativas dez veces máis. “Dez!”, exclamou entolecido. Ela, nunca o vira tan alporizado. Entón, á beira do precipicio, bateu a porta do automóbil e marchou.

 Antes, lentamente, soltara  o freo de man.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *