De trapos e atrapados

maxresdefault (1)Fidel Vidal. Estamos a falar de sabas, dos panos e trapos que aparecen na obra de Beckett Fin de partida. E de dúas cortinas corridas nos dous ventanucos altos das paredes laterais do refuxio desde onde é (im)posible ver o exterior. Grazas á colaboración do criado, de Clov, o único capaz de realizar a primeira manobra con eficacia, as sabas e os panos forman parte dunha fase: a do proceso erótico do destape. Unha vez retiradas as vellas sabas, as mortallas que el, como bo servente “prega coidadosamente”, ponse ao descuberto o grupo dos tres personaxes ocultos: a familia, ou o que queda dela.

Até ese momento os vultos tapados podían representar uns mobles protexidos do po durante a ausencia dos residentes. Mais en canto se levantan as sabas non aparecen mobles senón a presenza espida do obsceno: tres seres humanos, Hamm e os seus pais, Nagg e Nell, estes (os restos), dentro de cadanseu bidón do lixo. Destapados, desmembrados, destripados. Ambos ríndose das calamidades coma quen se ri da cousa máis graciosa do mundo.

NELL: Non hai que rirse desas cousas Nagg. Por que sempre estás a rir?

NAGG: Non tan forte!

NELL (sen baixar a voz): Non hai nada máis gracioso que a desgraza, de acordo. Pero…

NAGG (escandalizado): Ouh!

NELL: Si, si, é o máis gracioso do mundo.

Nada de panos quentes nin mormos desde as linguas de trapo das que non saen boas palabras, consoladoras, senón trapalladas paridas ao chou, verbo nu, palabras crúas acompañadas de bocexos, risiñas, pausas, demasiadas pausas e paradas, sen outro interese que a propia fala enmudecida e atrapada nos incisos. As pausas, os freos, as interrupcións, son tantas como máis de duascentas. Alguén contou duascentas sesenta e dúas.07.0556web Se engadimos as que hai entre actores, exceden con moito das trescentas sesenta. As palabras non van a ningures, fican aí, engarrafadas nos silencios, nas pausas que o autor fai notar e apunta no texto e, como follas de outono, van bater nos ollos e nos ouvidos dos lectores ou dos espectadores, xamais nos personaxes que (des)enfían as conversas.

Coñecer o pano supón experiencia e saber. Neste caso quen mellor coñece o pano, o que facer cos lenzos, é Clov, o criado. Este vai e vén, móvese sen parar porque non pode sentarse, se acaso apoiarse na cadeira do amo ou na (suposta) mesa da cociña. Os caídos en desgraza coma trapos son os personaxes, non os tecidos, porque as teas, unha vez retiradas, van ser debidamente dobradas. Eles son os anacos de vidas e de corpos esgazados, inservibles, os trapos sucios que se lavan na casa (ou non, dada a confianza do asco), lonxe das miradas, especialmente veciñas. Verse e sentirse como un trapo, así Hamm. O trapo que lle fai compaña e co que se identifica: o vello amigo (rostro da memoria, o propio corpo) disposto a ser conservado. Velaquí a frase que pecha a peza:

HAMM: Vello trapo! (Pausa.) A ti… consérvoche. (Pausa e achega o pano á súa cara).

2 comentarios en “De trapos e atrapados

  1. Si, querida e atenta Magdalena. A cousa vai de neuronas e das sinapses entre todas elas, e de nosos soños e ensoños, e da nosa misérrima grandeza de espirito e de follas vivas e mortas, e dos complicados mundos microscópicos, se ben eu ando máis polos tamaños humanos, de cadeiras axustadas ás pousadeiras e teitos á medida dun fogar e non dunha catedral. Da culler que fai xeito na man. O sublime sempre me meteu un chisco de medo. ALELUIA, AI, ULELA

  2. Querido Fidel:
    Hace unos días leí algo que escribió un coreano llamado Sebastian Seung. Se llama, “Un complejo mundo microscópico” y decía esto: “A simple vista, el cerebro humano parece un órgano flácido, pálido y gelatinoso; tan frágil y delicado, que hasta una corriente de agua con un poco de fuerza podría deshacerlo fácilmente. Sin embargo, bajo sus rugosos muros se esconde un complejo bosque microscópico que da lugar a todas aquellas funciones que nos hacen humanos. Todo lo que somos, la forma en que pensamos, radica en algo tan minúsculo como la neurona, el árbol más poderoso de este bosque”.
    Hoy al leer tu entrada, vi en el texto esas neuronas al descubierto. Las de Samuel Beckett rebuscando dentro de su cabeza la estética de ese habitáculo “bunker” ocupado por una humanidad doliente.
    Sinceramente, creo que es más difícil crear ese decorado de sábanas atufando a alcanfor, que un saloncito decorado con falsos jarrones Ming.
    He visto también ese poderoso y complejo árbol en la persona que nos transmite la historia “De trapos e atrapados”.
    Besiños palmeiráns, admirado Fidel.
    AULA, VE. EVALÚA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>