Celme mascarada

entroido-do-ulla-2018-os-xenerais-teo_img8974n1t0Xosé Manuel Lobato. Ansiedade inquietante, o Ulla por primeira vez despois do verán baixa atoldado, as máscaras xa están preto e só hai que ensaiar. Outros tempos aqueles, como mínimo catro meses de preparación, porque o éxito era fiel aliado do esforzo e o convencemento.

Dunha e doutra ourela do río un único obxectivo, imaxinación ao poder para argallar e crear, sempre coa dose necesaria de exclusividade para sorprender e superar a todo pasmón que ía contemplar, e fundamentalmente superar, a potenciais adversarios.Dende o solpor ata a hora meiga, todo se reducía a ensaiar e organizar unha actuación con todo tipo de trebellos cos máis diversos aderezos, para un don Carnal sen par no río dos soños.

Competición no minifundismo galaico, o pequeno núcleo amosábase ao exterior con todas as súas potencialidades. Un grande espectáculo de imaxinación vital, herdanza de apego e consolidación dunha pertenza, fortemente arraigada a un núcleo cerrado con vínculos moi fortes entre os seus membros.

Por principio, co entroido chegaban esas xornadas para liberarse dunha represión alienante que no rural era atafegante dende diferentes ámbitos. Polo tanto, era o intre de queimar prexuízos e manifestarse nunha exposición pública cos tabús enmascarados.

Na exhibición colectiva participaban varias agrupacións e con diferente rol, tamén persoeiros da historia ou algún cucañeiro próximo.

Na actualidade, os que percorremos lixeiros na senectude, admiramos a lembranza e profunda pegada dos correos, xenerais. Tamén daquelas entroidades extremadamente creativas.

Tampouco se esquecen as comparsas, mesmo os coros de vellos e bonitos, así como algúns dos pegadizos temas que interpretaban, normalmente relacionados coa contorna e as súas xentes.

A disfrace do tempo achegounos esta fermosa cantarela dos anos cincuenta, do pasado século, recuperada pola comparsa da asociación cultural Mestre Manuel Gacio, para ser interpretada na festa da Filloa de Lestedo, mentres vogamos no Ulla do 2019.

Cachosenande é bonito / porque está moi alto, / ás veces cando ten frío / pon o chal do Pico Sacro.

Un comentario en “Celme mascarada

  1. Bos días, esperado Lobato:
    As competicións sempre foron boas para así poñer mais empeño en mellorar e ó mesmo tempo cumprir tamén ca nosa gastronomía carnavaleira acompañada o remate cas nosas saborosas filloas, orellas, e rematando con un rico licor café, ou con un bo oruxo.
    “Imaxinación ao poder” dis ti, querido Lobato. Non che falta, non. E un pracer leerte, o arcipreste, Juan Ruiz, gozaría leendo os teus comentarios.
    Biquiños palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *