Galicia e os galegos na poesía castelá CX. Un ultraísta, José de Ciria y Escalante

71zhcdwvTZLRomán Arén. Qué foi o ultraísmo e qué o diferencia doutros ismos como o cubismo, o futurismo ou o creacionismo, non é cousa fácil de explicar e non hai acordo crítico absoluto. A súa prehistoria está na revista <Los Quijotes> (1915-1918) e o seu desenvolvemento vai de 1918 a 1925. O fundador foi, con algunha discusión, Rafael Cansinos-Assens (co pseudónimo Juan Las”) e o seu teórico máis importante Guilermo de Torre. No movemento, que abriu as portas da vangarda en España, militaron poetas importantes que logo foron por outros camiños: Gerardo Diego, Jorge Luis Borges, Adiano del Valle, Juan Larrea, Francisco Vichi, César González Ruano, Rogelio Buendía, Antonio Espina… Houbo tamén prosistas e mesmo “fixeron de ultraístas” de xeito ocasional nomes como Dámaso Alonso, Vicente Risco, Valle-Inclán e Salvat-Papaseit. O movemento expandiuse por tdo Hispanoamérica, con maior forza na Arxentina. Trece foron as súas revistas esenciais en España, entre as que destacan <Grecia>, <Ultra> de Madrid, <Ultra> de Oviedo, <Vértices>, <Tobogán> e <Parábola>, pero tivo tamén presenza noutras como as galegas <Alfar> e <Ronsel>. Ademais da participación ocasional de Valle e Risco, catro galegos destacaron no Ultraísmo: Eugenio Montes, Xavier Bóveda, Emilio Mosteiro e Evaristo Correa Calderón. Algúns dos que participaron no movemento foron, en realidade, postmodernistas cun lixeiro tinguido vangardista; outros, algúns de moita calidade, non reuniron os seus poemas nun volume. A todo isto sumouse o “efecto xeración do 27”, que agochou a importancia do ultraísmo, que só se percibiu en 1963 co estudo xa clásico de Gloria Videla; logo virían as aportacións de Fuentes Florido, Bernal, Barrera López e Gullón.

Quizais a mellor síntese do que foi o ultra ofreceuna Borges: Metáfora múltiple, ausencia de nexos, síntese na imaxe múltiple e fuxida do ornato modernista. Próximo ao futurismo polo amor pola máquina, hai nel tamén pegadas cubistas (caligrama), creacionistas (metáfora múltiple) e expresionistas.

CIRIA_fotoJosé de Ciria y Escalante foi un santanderino nacido en 1903 e que morre tuberculoso aos 21 anos; á súa morte os amigos recolleron a súa obra en Poemas de José de Ciria y Escalante (Madrid, 1924). Amigo de Gerardo Diego, Adolfo Salazar, Bacarisse e Vando Villar, foino tamén do galego Eugenio Montes, a quen dedica un poema moi característico do Ultraísmo, aparecido en <Grecia> en 1920:

Verbena

Las carreteras vírgenes / cogidas de las manos / ofrecen sus vientres desnudos / a los aeroplanos / En un beso sin alas / me remonté a una estrella. / Aquella nube blanca / que me enjugó las lágrimas / hoy ha muerto de pena / De mi sortija penden / todos los merenderos / y en mis hombros reposan / los senderos / HE CAÍDO / Las miradas de todas las doncellas / se han enroscados en mis pies / ADELANTE / El humo de mi pipa pita como un tren.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>