Así non se xoga

Matalobos

Matalobos

Francisco Ant. Vidal Blanco. Hai tipos con moi mal perder, como eses dous anciáns que a principios de ano se liaron a facadas por unha partida de dominó nun centro de convivencia. Quen sabe onde estaba a disputa, que parte do amor propio se aldraxara. Asemade, tampouco nos imaxinamos que lles puido molestar, a semana pasada, a dous pais que se liaron a cabezadas, coma verdadeiros castróns durante un partido entre nenos, a quen se supón que se lles pretende ensinar, por medio do deporte, a convivir e competir. Como queira que sexa, rara é a xornada na que non se fala dalgún altercado, en ou preto dalgún campo, ou de despregues policiais para prever enfrontamentos entre uniformados seareiros que teñen a honra eliminar ós rivais con ofensa e vexación. Unha insensata agresividade que empeza nas categorías inferiores, onde non faltan energúmenos, con consignas como a desa nai animando ós cativos a tirarlle das tetas a unha nena de nove anos.

É indigno que o deporte, nacido para medir destrezas e habilidades, se converta nun enfrontamento case bélico; e curiosamente esas liortas son máis drásticas entre veciños, como foi aquela famosa final de 1930 entre Arxentina e Uruguai, que empezou con insultos nos adestramentos e continuou tras o asubío final nun conato de guerra entre as dúas nacións fronteirizas, para amosarnos como non hai peor mal perder ca aquel que se acada entre veciños. E se non mirade o que pasa aquí na casa.

agresividadeDesgraciadamente, esas pelexas á porta do estadio ou dentro del non son novas. O deporte ten ese algo de competición que ós fanáticos lle gusta confundir con provocación e agresividade, e nesta nosa condición de animais tribais, o inimigo maior sempre é aquel que queda a un tiro de pedra. O amigo Xulio lembra un fresco que se conserva no museo de Nápoles, onde se reproduce o altercado xurdido no coliseo de Pompeia no ano 59 da nosa era, por mor da rivalidade entre os pompeianos e os seus veciños de Nucera, a cal se remontaba a dous séculos atrás, e ese día afloraron por ver se era mellor o gladiador destes ou o daqueles; e o que non se gañaba no campo quixeron gañalo da rúa, primeiro con insultos e ó final a coiteladas dentro e fóra do estadio, ata sumar tantos mortos e feridos que o senado decidiu clausurar aquel coliseo por dez anos. Pero como o vulgo necesita ademais do pan moito circo, non tardaron en levantarlles o castigo.

Misoxinia, raza, orixe e a mesma política é desculpa para atacar ó contrario, como naqueloutra ocasión en Bizancio, na rebelión das cores, provocada entre os seareiros duns aurigas durante unha carreira de cuadrigas, na que cada bando enarboraba unha cor, coma os máis modernos seareiros dun equipo de fútbol de hoxe en día, mais que realmente encerraba o descontento contra o emperador Xustiniano.

Cando o deporte se converte en conflito de identidade, o xogo é unha desgraza, e a identidade nun demérito.

Un comentario en “Así non se xoga

  1. Visto lo visto, querido Francisco, para algunos su patriotismo futbolístico excede ampliamente a su inteligencia, y convierten el deporte, más en despreciable que en divertido.
    Besiños palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>