As alegrías de marzo

couceiroPilar Sampedro. Hai uns días falabamos das penas e pesares por unha libraría que se pecha (Andel, en Vigo); hoxe queremos falar dunha que se mantén (Couceiro, en Santiago). A libraría Couceiro acaba de cumprir medio século termando dun comercio cultural. Pasando dunha zona da cidade á outra, da rúa de San Pedro ao ensanche compostelán, e de aí á praza de Cervantes. Toda unha casa dedicada ao libro, maioritariamente ao libro galego, despois de ter sido pioneira na comercialización do libro portugués en Galicia.  Xustamente, a partir de 1983 publica o boletín Bendado coa oferta de obras galegas e portuguesas. Nesta etapa, tamén comeza a incursionar no labor editorial publicando os facsímiles de Retrincos e Sempre en Galiza, de Castelao, unha aventura que continúa a sumar títulos cada ano. En 1986 incorpora unha sección de libro vello.

A libraría actual continúa coa filosofía que ano a ano foi pousando nos andeis, cunha concepción de espazo de difusión da cultura galega. As visitas guiadas á libraría, pensadas para centros de ensino, queren mostrar o mundo do libro e a súa evolución, o funcionamento dunha libraría e un obradoiro de encadernación artesanal. Os sábados, cando non chove, a libraría sae á praza para achegar os libros á cidadanía.

Unha libraría por pisos. No soto a infantil porque as cores tiran deles e eles das familias; no baixo as guías (unha vocación que lle vén de estar na entrada do Camiño de Santiago), novidades e libro de fondo; no primeiro andar está o libro galego, en galego ou sobre Galicia; no segundo andar están os libros que van desde o século XV ata o actual, rodeando os participantes nas presentacións, rodas de prensa, encontros con autores /as, obradoiros de escrita ou clubs de lectura; no terceiro andar atoparemos unha selección de distintas temáticas, como arte en xeral, cociña… e o obradoiro de encadernación.

Unha libraría familiar que xa vai pola segunda xeración, cos fillos Pablo e María facéndose cargo, pero coa compañía do pai e a tía botando unha man.

E unha libraría agradecida que decidiu festexar este aniversario compartindo atranques de entroido, música e contacontos con grandes e pequenos. E para que ademais das imaxes e as palabras nos quede a lembranza entre as mans agasalláronnos cunha bolsa deseñada por Pepe Carreiro, a publicación Lembranza compostelá e o facsímile Vigilia reservada de Picadillo tal como corresponde a este tempo posterior ao entroido. Por se fora pouco unha boliña de pan da moa para que se vexa que os libros tamén veñen cun pan debaixo do brazo. Pan e lectura. Alimento do corpo e do espírito, da realidade e da fantasía. A cidade recoñecendo as boas xentes que por aquí pasaron e o receitario acorde coa época de coresma que acaba de comezar. De todo nos dá Couceiro, ata o sorriso co que nos recibe, cando entramos nun templo do saber e nos sentimos acollidas. Parabéns por estes cincuenta anos e… veñan máis cincuenta, máis e máis!

Un comentario en “As alegrías de marzo

  1. Buenos días, Pilar:
    Cuando voy a Santiago, que es con bastante frecuencia, – vive allí mi hija – soy de las que ayudo a desgastar el rosáceo mármol de las escaleras del camarín donde está el dueño del caballo que relinchaba en latín, para ofrecerle mi afectuoso abrazo y pedirle que aquel, no sea el último. Así lo requiere la costumbre heredada de mi abuela. Las costumbres, hacen leyes.
    Después de dejar mi casto saludo al Apóstol, voy directamente para la “Couceiro” y allí en lugar de respirar ese olor que hay en la catedral, mezcla de incienso, agua bendita, y sudor a peregrinaje, aspiro golosamente el aire de los libros de esa primera, segunda, y tercera planta, ese aire compuesto de una mezcla de oxígeno, nitrógeno y lujuria. Nunca salgo de allí con las manos vacías.
    Gracias por hablar de libros y de quien nos los proporciona.
    Besiños palmeiráns, Pilar. Salud y buenas lecturas para todos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *