A última fronteira

a ultima fronteiraXerardo AgraFoxo. Cal será o nome desta paraxe? Mentres abría o caderno apreciou –coma unha miraxe– un sopro de vida: un home descendía pola duna máis afiada.

É deste lugar?, preguntoulle. “Non, só  levo aquí cinco anos”. Entón, pódese saber que fai neste deserto? “Pode, claro; son o mestre”. E a escola?  “É ese cadrado de barro que está detrás das sebes ateigadas de area”. Cal? “Esa casa que ten unha bandeira vermella no teito, diante hai unha torre circular de cor branca, un depósito de auga, La Grande Fontaine”. Ten moitos cativos na escola?  “Os que queiran vir, a aldea está detrás das dunas, mesmo a carón do río”. Perdón, de que río me fala? “Aquí hai un torrente oculto, agora está estiñado”. Seguro? “Si, é o vieiro que empregan os nómades para viaxar a carón da fronteira, aquela liña escura que se albisca no horizonte, e que só atravesan os contrabandistas e os dromedarios sen dono”. Pero, de verdade, hai un río aí abaixo? “Mire, é ese carreiro que baixa coma unha serpe dende a serra; unha parella que chegou dun país onde chovía moito abriu aquí un hotel porque creron que neste lugar nunca había nubes”. Onde o construíron? “Aí, no medio do leito reseco; pero unha noite choveu tanto que se derrubou coma o azucre nun vaso de té quente; agora só se ve o seu esqueleto e a piscina asolagada pola area”. Cal era o nome do hotel? “Ceo sen bágoas”. E os seus donos, que fixeron despois da treboada? “Abriron outro, pero desta vez tiveron máis coidado; erguérono enriba daquel outeiro, e sabe como lle chamaron?”.

Cando lle revelou o enigma, o viaxeiro esbozou un sorriso. Era o mesmo nome que el apuntara no seu caderno.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *