Rolling Stones e Martin Heidegger: arqueoloxía e friame

la agonía de erosGonzalo Trasbach. Dúas noticias reclamaron a miña atención nas últimas semanas. Unha no orde musical e outra no filosófico. A primeira daba conta do concerto que van dar os Rolling Stones o vindeiro xuño en Madrid e que ás poucas horas do anuncio xa estaban practicamente esgotadas todas  as entradas. A outra citábase nas seccións e suplementos culturais de todos os xornais (en Cafebarbantia deu conta dela X.Ricardo Losada) e relataba sobre un fondo de singular novidade a publicación en Alemaña dos chamados Cadernos negros (1931-1941) de Martín Heidegger, filósofo cuxa popularidade incrementouse notablemente dende que, xa hai moitos anos, o acusaron de simpatizar, militar ou defender activamente o nazismo e ser antisemita.

Para min, arestora, a actualidade tanto dos Stones como a de Heidegger é coma se  aparecera  miña avoa en tanga no salón da casa (non é que estivese mal, pero…). Tanto os que tolean por asistir a un megashow dos Rolling como os que se enfrascan no infecundo debate sobre se Heidegger foi ou non nazi ou se a súa obra ten ou non unha raíz nazi,  son, na miña opinión, xente que se contenta con sucedáneos: nin a uns lles gusta o rock nin aos outros a filosofía: teñen querenza pola arqueoloxía e o friame. Arredor destas dúas novas só reina unha verdade: digan o que digan todos os medios, o que queren son os nosos cartiños, por iso espremen as lendas duns e doutro coma se fosen limóns secos. Todo vale con tal de que merquemos as entradas ou os libros.

Rolling-Stones-001O que confirman a presenza dos británicos no escenario de Madrid ou a dos Cadernos negros do alemán nas librerías é o noso envellecemento e conservadorismo galopantes. O tempo das súas satánicas maxestades e o do habitante da cabana da Selva Negra hai xa bastante que minguou. O interese por eles confirma o noso fin de ciclo e dá fe de que estamos encadeados aos grillóns da nostalxia. E mentres en nome destes santóns ou demos (segundo se mire) da cultura popular e da elevada ou culta, con limbos de personaxes diabólicos, nos pasan o cepillo coma os curas nas igrexas, en Alemaña, país que pariu mentes coma Kant, Hegel, Nietzsche, Benjamin ou Hölderlin, eríxese como nova revelación do pensamento un coreano afincado en Berlín: Byun-Chul Han.

Byung-Chul Han Foto: Alexandra Kinga Fekete
Byung-Chul Han Foto: Alexandra Kinga Fekete

Poboados por cuestións coma a asfixiante competencia laboral, o exhibicionismo dixital ou a falaz demanda de transparencia política, temas que considera os principais males do mundo contemporáneo, os libros deste autor oriental son prestixiosos supervendas nun país no que aínda existe unha certa devoción pola filosofía e debate con paixón cos seus pensadores vivos. Nos últimos meses teñen chegado ás librerías españolas os dous primeiros libros de Han: La sociedad del cansancio y La sociedad de la transparencia. O pasado día sete apareceu La agonía de Eros. Viñeron todos baixo o brazo da editorial Herder. Así pois, temos unha boa tarefa por diante: comprobar se brilla con luz propia ou si só é fugaz a nova estrela da filosofía alemá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *