Gloria, de Sebastián Lelio

gloria-cartelAntón Riveiro Coello. Tiña moita curiosidade por ver esta película chilena, premiada nos festivais de Cannes, San Sebastián, Locarno e Berlín, onde a súa protagonista, Paulina García, apañou o Oso de Prata á mellor actriz. A película, que tamén foi nominada por Chile para optar aos Óscars ao mellor film estranxeiro, viña precedida por un importante éxito de crítica e público e as miñas prevencións non eran outras que as de ver unha nova proposta que viña alén do Atlántico, desta volta coa sinatura de Sebastian Lelio. E confeso que esta proposta atrapoume pola súa tensión e unha intelixencia fóra do común.

Gloria fálanos da soidade dunha muller duns sesenta anos, divorciada, con fillos xa independentes, que se encamiña cara a unha vellez contra a que loita acudindo a salóns de baile para solteiros, na procura dunha nova relación amorosa que lle devolva a necesidade de sentirse viva. Alí coñece a Rodolfo (Sergio Hernández), un home aínda maior ca ela, con quen probará de novo as consecuencias do amor. Este “vello” uniformado carga sobre si o pasado chileno e procura unha nova identidade na que se asentar. gloria interview featureMais a súa covardía, ou a comenencia, non lle permiten romper coa familia e apreixar de todo esa nova vida que se presenta diante dos seus ollos co nome de Gloria. A relación entre os dous esta tecida con vimbios tan finos e intelixentes que, cada diálogo, cada escena, posúe unha verdade absoluta.  O retrato que Sebastian Lelio fai da protagonista é magnífico e vémonos seducidos pola interpretación complexa desta muller que desprende vitalidade, que mira de se desatar, de deixar atrás os medos, de experimentar e procurar dalgún xeito unha liberdade demorada, pero necesaria.

gloriaOutro dos moitos aspectos que me chamou a atención foi a música. Nunca pensei que puidese gabar unha banda sonora con cancións de Massiel, Paloma San Basilio ou Pimpinella, pero, aínda que os feitos acontecen nun Santiago de Chile actual, non me queda outra que o facer porque esa música engádelles fondura aos personaxes, e as letras das cancións definen en cada momento o estado de ánimo da protagonista e mesmo lle poñen o ramo á película coa coñecida Gloria de Umberto Tozzi.

Unha fermosa película, pois, sobre a soidade, a perda, o desexo na vellez, a necesidade de amarmos e sentírmonos libres, cun final catártico que nos achegará non só á protagonista senón tamén a nós mesmos. Paga a pena.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *